O BNG insta a Educación a mellorar o transporte de Artes

Ana Pontón e Dominga Brión en rolda de prensa

O BNG INSTA A EDUCACIÓN A SEGUIR “PRESIONANDO” Á EMPRESA DE TRANSPORTE DO IES DE COROSO PARA QUE AMPLÍE O SERVIZO PARA OS ALUMNOS DE ARTES

A Consellaría asegura que está a negociar e que as razóns de que non se cumprise o compromiso de mellora no transporte son “de índole empresarial”

A deputada do BNG Ana Pontón formulou esta mañá na Comisión Cuarta do Parlamento unha pergunta sobre a situación que están a padecer os alumnos do IES de Coroso, en Ribeira, procedentes de parroquia de Artes.

A parlamentar lembrou que, no pasado mes de maio, xa formulou unha pergunta sobre este mesmo tema e obtivo como resposta o compromiso da Consellaría de mellorar o transporte, para que estes alumnos/as non teñan que percorrer distancias de até dous quilómetros até a parada.

Trataríase, pois, de modificar o percorrido do autobús de transporte escolar, ademais de respostar ás queixas de pais e nais sobre a “saturación do servizo”, polo que sería necesario incrementalo.

Mais, malia o compromiso adquirido e o anuncio de que a situación podería estar solucionada neste curso, non houbo cambio algún, feito polo que a asociación de pais e nais ten iniciado unha campaña de mobilizacións polo “crecente malestar da comunidade educativa”.

O director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, asegurou que “si se cumpríu o compromiso, aínda que non se teña satisfeito a demanda”.

Solución a medio prazo

Segundo explicou, o servizo de transporte escolar préstase con liñas regulares de transporte, o que “condiciona as posíbeis medidas de xestión”, polo que a Delegación Provincial da Consellaría dirixíuse á empresa instándolle a que se modificase a ruta regular para satisfacer esta demanda.

O problema veu ocasionado pola negativa da firma a atender este requerimento “por razóns empresariais”, mais Vázquez asegurou que seguen traballando e que neste mesmo mes houbo unha nova reunión entre a Consellaría e a empresa “que amosou a súa disposición a estudar a incidencia que podería ter a introdución de cambios dos horarios necesarios para modificar o intinerario”.

Vázquez tamén subliñou a existencia de “problemas no percorrido” polo que denominou como “entrada estreita e de difícil acceso” e dixo que están “á espera do informe da empresa”, polo que augurou unha “solución a medio prazo para este problema”.

As razóns empresariais non poden condicionar un servizo público

A deputada do Bloque lembrou no seu segundo turno de intervención que o percorrido que tería que facer a liña sería o mesmo que xa fai o transporte do CEIP, polo que asegurou non entender onde estaba o problema.

En calquer caso, a parlamentar dixo que “as razóns empresarias e económicas non deben ser un impedimento para prestar un servizo público” e instou á Consellaría a seguir “presionando” para obter unha pronta solución a esta situación.

Tamén lembrou que “a normativa que regula o transporte escolar debería ser modificada en algúns aspeitos”, xa que, tal e como lembrou o propio director xeral, a norma non marca a distancia máxima que poden percorrer os alumnos/as até a parada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *