Xogos para a igualdade

VICEPRESIDENCIA PON EN MARCHA A CAMPAÑA HAI MOITO EN XOGO PARA CONCIENCIAR SOBRE A UTILIDADE DOS XOGUETES NA PROMOCIÓN DA IGUALDADE

 A iniciativa da Secretaría Xeral da Igualdade quere fomentar un xuízo crítico fronte á utilización sexista dos enredos

Santiago, 19 de decembro de 2007.- A Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia vén de poñer en marcha a campaña Hai moito en xogo. Xogando construímos a igualdade, coa que o departamento autonómico pretende concienciar sobre o uso e consumo dos xoguetes de forma racional e sobre a importancia dos mesmos na promoción de valores. Os materiais desta campaña distribuiranse durante o Nadal en comercios e centros de atención á primeira infancia.

O xogo é unha actividade que vai conformando a personalidade de nenos e nenas, posto que xogando desenvolven as súas capacidades psicomotoras, cognitivas, afectivas e sociais, e adquírense esquemas de conduta práctica que desenvolven actitudes e permiten aprender a vivir imitando modelos e pautas de comportamento. Por iso, o xoguete ten un papel fundamental como instrumento educativo neste desenvolvemento, e nesta etapa de socialización é fundamental que non se utilicen para reproducir roles e estereotipos sexistas, axudando no camiño da construción dunha sociedade máis igualitaria.

Neste senso, a Vicepresidencia quere destacar con esta campaña a importancia de ofrecer modelos para unha educación na igualdade, ao tempo que se aposta por fomentar o xuízo crítico fronte á utilización sexista dos xogos. Con esta iniciativa tamén se pretende contrarrestar a presión que exercen sobre os nenos e nenas e os seus pais e nais as campañas publicitarias en todos os medios de comunicación, especialmente cando se achegan as festas do Nadal.

Materiais

No marco desta campaña, que por terceiro ano pon en marcha a Vicepresidencia, vanse distribuír 50.000 carteis, 18.000 calendarios de peto, e 5.000 unidades didácticas dirixidas ás escolas infantís e ao persoal de atención á infancia. Todos estes materiais son moi gráficos e atractivos para os cativos e acompáñanse con mensaxes respecto do uso dos xoguetes, dirixidas fundamentalmente ás persoas adultas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *