Demandamos a separación de pluviais e fecais en Aguiño

O BNG de Ribeira, por medio da concelleira Ánxeles González Cruxeiras, solicitou ao Goberno Municipal que leve a cabo de maneira urxente a separación de pluviais e fecais en varias rúas de Aguiño, nomeadamente nas Rúa Castelao e Carreiro.

Son xa innumerables as ocasións en que diversas rúas de Aguiño sofren problemas de asolagamentos e cheiros por mor das choivas. Entre outras, especialmente as rúas do Carreiro e a de Castelao, son unhas das máis prexudicadas.

A veciñanza demandou en numerosas ocasións que se lle dea solución ó problema que xera nesta zona a non separación de pluviais e residuais.

Con pequenas choivas as arquetas das augas fecais levantanse, vertendo os residuos por toda a estrada, chegando en moitos casos ás portas das casas da veciñanza, orixinando un cheiro pestilente. Ás molestias que isto ocasiona hai que engadirlle que teñen que ser estes/as veciños/as os que logo teñen que proceder á limpeza das rúas.

Coas enchentes de auga circulan os residuos que, como sempre, van parar ó receptor universal dos residuos, o mar, concretamente, á praia do Rebalo. É moi usual cando se da esta condición, ver unha mancha escura de grandes dimensións, sobre as verdosas augas do Rebalo, isto non é outra cousa que os residuos arrastrados polas enchentes.

Tendo xa constancia este Goberno Municipal dos múltiples atrancos que a non separación de pluviais e residuais está a causar no Concello, e concretamente nestas dúas rúas da parroquia de Aguiño, non é de recibo que aínda non se tomaran medidas para dar solución a este problema.

Dende o BNG consideramos que a separación de pluviais e fecais en todo o noso Concello, así como o saneamento integral, teñen que ser unha prioridade do Goberno Municipal. Polo menos así o é para un Goberno Municipal do BNG.

Iniciativa Municipal:
2007-10-26separacionpluviaisaguinho.pdf

Nova na Voz:
O BNG reclama que se acometa a separación de augas pluviais e fecais en Aguiño

Nova no Correo:
O BNG esixe poñer fin en Aguiño a verquidos de augas fecales

Nova no Diario de Arousa:
Solicitan la separación de aguas pluviales y fecales en las calles de Aguiño

Novas relacionadas:
Os integrantes do colectivo Sagres indican que hai núcleos de Aguiño que carecen de rede de saneamento

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *