III Xornada Micolóxica de Altofalante

A Asociación Cultural Altofalante celebrou o sábado, día 15 de decembro, a III Xornada Micolóxica. O Programa foi o seguinte:

- Ás 10:00 horas, presentación da Guía “Os cogomelos máis Comúns” no salón de actos do CIELGA do Parque Natural en Carreira pola súa autora, Anxeles González Cruxeiras, Vicepresidenta de Altofalante.

- De seguido fíxose unha recollida de cogomelos polo entorno do Parque Natural, guiada con monitoras/es.

- Finalmente tivo lugar a tradicional degustación gastronómica nos muíños de Amendo. Como todos os anos, Altofalante puxo as “viandas”, bebidas e demais… pero os participantes tamén levaron algo, como xa é costume. O prato forte, como non podería ser doutro xeito, foron os cogomelos. As persoas asistentes poidamos degustar este exquisito e apreciado manxar preparado de formas diversas.

O bo tempo contribuíu a unha xornada micolóxica moi agradábel, que sempre deixa bo sabor de boca e que fai que moitas persoas non faltemos a esta xa tradicional cita a que, cada ano, nos convida Altofalante. Como ben di Ánxeles na súa guía: “A multitude de formas, aromas, cores, a espontaneidade dese apaixonante mundo, a simpleza e ao mesmo tempo a complexidade fan deste mundo algo único, que “chega a enganchar”..., xa hai persoas adictas ás recolleitas, ás degustacións, ás exposicións.” Vaian dende aquí os nosos parabéns para Altofalante por un traballo ben feito.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *