Xestionamos a posta en marcha do campo da Fieiteira

Campo de herba artificial da Fieiteira

O BNG fixo as xestións necesarias diante da Deputación de A Coruña e da Consellería de Industria para que a posta en marcha do campo de futbol de herba artificial da Fieiteira sexa unha realidade en breve.

Congratulámonos pois de que as nosas xestións acadaran os seus froitos. Nestes días a empresa constructora entregará o campo de fútbol á Deputación para que esta o entregue posteriormente ao Concello.

O BNG fixo todas estas xestións, que máis adiante se detallan, ante o evidente abandono de funcións por parte do Goberno Municipal e a demanda lóxica e insistente dos clubs de fútbol.

Dende o BNG temos a responsabilidade de tentar resolver esta situación e así o estamos a facer. Nós nunca xogamos a poñer trabas para dificultar que obras ou servizos se poñan en marcha no noso concello. Quen tal afirma só esconde as súas carencias como xestor, porque o que fixo o BNG de Ribeira tiña a obriga de facelo o propio goberno local.

Pola nosa banda, seguiremos traballando para que tanto o campo de herba artificial como a piscina da Fieiteira estean en marcha canto antes e á disposición da cidadanía que é a quen nos debemos.

Antecedentes e xestións feitas:

En 2003 iniciáronse os trámites na Deputación para que en Ribeira houbese un novo vaso da piscina e un novo campo de herba artificial. Unha obra orzamentada en preto de 900.000 euros e que ata estas datas, case rematado o 2007, non está, de xeito completo, a disposición dos usuarios/as do noso concello. Son moitos/as os deportistas que queren usar estas instalacións deportivas e cando menos son 3 clubs de fútbol, cun numerosas categorías base, os que queren facer uso do campo.

Dende o BNG xa levamos tempo interesándonos pola tardanza na posta en marcha destas instalacións, reunímonos cos clubs para oír as súas demandas, fixemos solicitudes instando ao goberno municipal a que tomara o asunto en serio e o resolvera. Exemplos recentes poden ser a solicitude feita o 28 de agosto demandando melloras no complexo deportivo da Fieiteira ou a solicitude de Novembro reclamando o arranxo das luces dos campos de futbol da Fieiteira.

Xa antes de rematar a temporada 2006-07 os clubs de fútbol nos fixeron saber que precisaban a legalización deste campo que á vista de todos/as estaba rematado, xa que sen esta legalización non poderían disputar partidos oficiais no mesmo.

A finais de agosto os técnicos municipais informáronnos que en poucos días todo estaría amañado e os clubs poderian usar o campo. Pasou o tempo e ante esta deixadez de funcións do goberno de Ribeira, iniciamos unha serie de xestións informativas para saber de primeira man como estaba a situación administrativa destas instalacións e ver, na medida das nosas posibilidades, de desbloquear a situación coa finalidade de poñer a disposición da cidadanía estas instalacións. Traballamos a dous niveis: na Deputación de A Coruña e na Delegación da Consellería de Industria.

Na Deputación informóusenos que hai certos problemas do acabado da obra do novo vaso que impiden que a Deputación a recepcione, paso previo para que esta poida ser recepcionada posteriormente polo concello. Tamén se nos informou que a parte da obra correspondente ao campo de fútbol estaba rematada. Plantexámoslle entón á Deputación, a través da nosa deputada Rosana Pérez, a posibilidade dunha entrega parcial da obra na que se recepcionaría o campo de fútbol nun primeiro momento e logo a piscina. Dende o ente provincial autorizouse facer esta entrega parcial.

Solicitamos, como representantes públicos, información á Delegación de Industria sobre o estado do expediente destas instalacións deportivas. Se nos remite documentación na que se indica que a vella piscina de Ribeira aínda está pendente de legalizar xa que falta documentación que debería ter enviado o noso Concello dende 1989. Ademais hai requirimentos para subsanar deficiencias relacionadas cos paneis solares, instalación de climatización, etc. Todas estas deficiencias estaban moi relacionadas coa piscina. Ao estar na mesma instalación a vella piscina e novo vaso, Industria non podería autorizar a legalización desta última se antes non se resolven as incidencias do vello vaso.

Todas estes requirimentos foron informados en tempo e forma ao noso Concello por escrito e incluso un técnico municipal foi en novembro de 2006 á propia Delegación de Industria onde se lle explicou de primeira man que cuestións non eran correctas e como subsanar esas deficiencias. Dicir que dende aquela ata o 12 de decembro de 2007 (vai alá máis dun ano) o Concello de Ribeira non enviou ningunha documentación á Delegación de Industria para resolver estes requirimentos.

Ante esta situación o BNG de Ribeira preguntou aos técnicos da Delegación de Industria se sería posible a legalización parcial do campo de herba artificial. A resposta foi afirmativa, indicando que só habería que facer a correspondente solicitude e unha serie de obras menores para separar as instalacións eléctricas da piscina e do campo de herba. Cuestión esta que debe facer formalmente o equipo de goberno, unha vez que, en poucos días, sexa entregado o campo de fútbol ao Concello. Agardamos máis dilixencia a partir de agora. Se Ribeira ten un alcalde, que se note que vai sendo hora.

Requerimentos da Consellería de Industria ao Concello:
2007-12-13documentos_industria_fieiteira.pdf

Unha reflexión sobre “Xestionamos a posta en marcha do campo da Fieiteira

  1. Jaime

    Ooolee…..
    Outro pase de capote mais.. e van…...
    Cada vez falta menos pa acabar a faena e pa estocada final.
    Que sigan traballando e falando así de ben.
    BON NADAL E MELLOR ANO NOVO.

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *