Transporte en Artes: recta final

“Aínda que poida parecer un caso de importancia menor desde unha perspectiva xeral, o caso do transporte de alumnado de ESO en Artes, do que se está a falar estes días nos medios de comunicación da comarca, é relevante e non só por agachar unha situación de discriminación e desigualdade de trato senón tamén porque, pese a ser a máis coñecida, non é única. Volveremos falar do transporte no ensino público.

Que despois de catro anos de demandas, con apoio unánime de toda a sociedade ribeirense, co recoñecemento da propia administración educativa, primeiro na Delegación Provincial de Educación e logo no Parlamento Galego, con anuncio mesmo de solución para inicio do presente curso, aínda hoxe non estea resolto o problema non pode máis que cualificarse de esperpéntico. Por non entrar a falar da desconfianza que situacións deste tipo xeran na cidadanía cara os seus administradores.

No caso que nos ocupa non hai ningún tipo de problema de tipo técnico que impida dar unha solución satisfactoria. A empresa de transporte cifra en pouco máis de 100€ o custo diario do servizo: un prezo ridículo para a administración dar un servizo que evitaría que máis de vinte alumnos e alumnas percorreran varias veces ó día máis dun quilómetro ou que viaxaran de pé no autobús.

Pero non hai mal que cen anos dure sobre todo se quen o padece está disposto a evitalo. As recentes mobilizacións dos veciños de Artes, escasos en número pero sobrados de razón, están a piques de conseguir por si mesmos algo que vai moito máis alá das súas simples pretensións iniciais. Sendo a solución ó seu problema de transporte escolar unha cuestión máis de horas que de días, os veciños de Artes están a piques de dar unha lección de cidadanía que, de paso, vai poñer a uns cantos no seu sitio.”

Xosé Luís Groveiro é concelleiro do BNG de Ribeira

Nova relacionada en Canal Rias Baixas:
Os pais de Artes instan á coporación a respalda-las súas demandas

Unha reflexión sobre “Transporte en Artes: recta final

  1. Rilo

    Se fora un colexio concertado, quén sería o que se moveria para solucionar o problema destes alumnos? Nunca vín ós pais, bueno, nais, dun centro concertado moverse para nada… non o precisan! Deben estar encantados ca Xunta e co Concello! ¡Viva o psoe, viva o pp!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *