Por coherencia e interese. Francisco Rodríguez

“O BNG votou en contra da petición de cese da Ministra de Fomento. Non en contra da súa reprobación, como afirman moitos medios de comunicación. Existe unha diferenza notoria. Non é difícil de comprender a falta de lóxica, a inoperancia e a xestualidade eleitoralista subxacente nunha petición de cesamento a un mes da fin da lexislatura e a tres da celebración das Eleizóns Xerais. A maiores hai que ter en conta que o BNG levou a cabo negociacións con Fomento para mellorar cuantitativa e cualitativamente os Orzamentos para Galiza dos tres últimos anos, e moi especialmente para o 2008. Ten algún sentido pedir o cese da responsábel do Ministerio co que se negociou con resultados progresivamente máis positivos? Estender a descualificación á equipa ministerial, que conta con persoas moi dialogantes e construtivas, conleva desautorizar e fraxilizar toda a negociación da que quedan aínda cabos soltos moi importantes. Por estas motivacións endexamais votariamos favorabelmente o cese da Ministra, na actual conxuntura.

Non somos adeptos a tracas eleitoralistas de última hora, por máis que se poidan comprender na situación criada en Catalunya polas obras do AVE. A sociedade galega debe ter moi presente que o maior balbordo axitador contra Fomento, isto é, contra o Goberno, é o do PP. Tamén é o máis cabreado polo fracaso desta estratexia. Paradoxalmente vende no resto de España a tese de que Cataluña está moi privilexiada nos Orzamentos do Estado. Sintomaticamente comeza a facer o mesmo con Galiza, embora diga que nos vendemos por unha esmola. Pasamos da abstención inicial ao voto negativo porque logramos o compromiso explícito e escrito do Goberno para desatrancar a negociación da transferencia das competencias pendentes para Galiza, que estaban obstaculizadas por motivacións de pura táctica política. Non é precisamente un prato de lentellas, como non o é a obriga do PSOE de impulsar co BNG no Parlamento de Galiza a elaboración dunha proposición de lei pedindo a transferencia da seguranza vial e a creación dunha policía de tráfico, bloqueada até agora polo noso socio de Goberno na Xunta.

Estamos no Congreso para defender os intereses de Galiza, sen danar a mantenta os intereses reais das demais nacións, non os puramente conxunturais, partidistas ou eleitoralistas. Temos a nosa estratexia que, como é obvio, non ten por que coincidir coa do PP nen coa de outros partidos. Resulta sorprendente que, cando o nacionalismo galego condiciona a política do Estado e aproveita as conxunturas a favor de Galiza, se poida ter unha actitude crítica desde aquí. Un dado elocuente: o xornal El País atribuiu o voto negativo do PNV á necesidade de contar co apoio do PSE para aprobar os Orzamentos de Euskadi e a ter conseguido 100 millóns de euros nos Orzamentos do Estado. O BNG conseguiu 104, após de colocar o listón na superación de 2.000 millóns de euros para Galiza. Non vou subliñar a importanza de que o Goberno aceite agora negociar, logo de meses de ouvidos xordos. Sexa dito isto desde a conciencia de quen sabe que temos moito por andar para que Galiza teña o perfil político requerido, o que dá a autorresponsabilidade e a confianza na capacidade propia.”

Francisco Rodríguez é portavoz do BNG no Congreso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *