Solicitamos a paralización das obras na Lagüiña

Urbanización da Lagüiña

O BNG de Ribeira, por medio da súa Portavoz Municipal, Dominga Brión, ven de solicitar a paralización das obras da urbanización da Laguiña, en Palmeira, en tanto non se revise a licencia concedida, co obxecto de comprobar que se adapta a normativa vixente, nomeadamente no relativo a edificabilidade, ocupación, dotación de servizos, etc.

Dende o grupo municipal do BNG temos denunciado en multitude de ocasións a nefasta xestión do Goberno Municipal en materia de urbanismo. Temos, tamén, reclamado reiteradamente a dotación de suficientes medios materiais e humanos para que o Departamento de Urbanismo puidese realizar as súas tarefas ao nivel que o noso Concello necesita.

Ribeira conta hoxe cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que, pese ás súas deficiencias, e as reiteradas demandas do BNG, segue sen adaptar á Lei do Solo tendo xa rematado o prazo establecido para facelo en xaneiro do 2006.

Así as cousas, a Xunta de Goberno Local, en sesión de 16 de maio do 2007, uns días antes das eleccións municipais, polo tanto, con un goberno en funcións, concedeu unha licencia para a construcción dunha urbanización de 90 vivendas, en 15 bloques, en Palmeira, no lugar da Lagüiña. Estas obras desataron o malestar da cidadanía e mesmo as súas denuncias, diante da Dirección Xeral de Urbanismo, dos Grupos Municipais e do Goberno Local do Concello, polo impacto que a mesma vai a causar no entorno.

A Xunta de Goberno Local, en funcións, concedeu esta licencia a pesar de que no informe técnico facíase constar que o Proxecto Básico contaba cun exceso de edificabilidade de 522,15 m2, que tiña que ser corrixida no Proxecto de Execución. Este documento, que debería entregarse antes de iniciar as obras, aínda non foi entregado no Concello.

Compre sinalar que unha parte do solo onde se pretende construír esta urbanización está cualificado como urbano e outra como rústico. As condicións de edificación deste chan urbano están reguladas pola Ordenanza 6.3.A, con un uso característico pormenorizado de vivenda unifamiliar illada, aínda que tamén se permite a vivenda colectiva. A altura de edificación é de baixo, unha planta e baixo cuberta. O chan rústico, según a Lei do Solo, non se computa a efectos de edificabilidade.

Analizando máis polo miúdo o Proxecto Básico, comprobamos que no mesmo se computa tanto a efectos de ocupación como de edificabilidade o chan rústico. De non computarse, tal como recolle a normativa vixente, o exceso de edificabilidade é moito maior, ascendendo a 891,33 metros cuadrados; tamén se rexistra un exceso de ocupación de 343.45 m2.

Considerámos, pois, necesario que os servizos técnicos revisen novamente a licencia concedida a esta urbanización da Lagüiña, en Palmeira, co obxecto de comprobar que se adapta a normativa vixente.

Iniciativa Municipal:
2007-12-03-urbanizacionlaguinhapalmeira.pdf

Nova na Voz:
Os nacionalistas piden que se revise a licenza de obras dunha urbanización no lugar de Lagüiña

Nova no Correo:
Piden paralizar unha obra sen proxecto de execución

Información relacionada:
Na Voz:
Urbanismo abre un expediente informativo pola edificación que leva a cabo en Palmeira

4 reflexións sobre “Solicitamos a paralización das obras na Lagüiña

  1. jose antonio

    Ribeira xa non hai por onde collela e ahora veñen a por Palmeira. Nos dous últimos anos o ritmo de destrución aquí é imparable. ¿É posible facer algo? ¿Ainda estamos a tempo? Dadenos ideas, por favor!!

    Responder
  2. david d´area

    En resposta à inquedanza xeral da que tamén amosas concenza, decirte a tí, Josè Antonio, así como a todos os que estean a plantexarse eses interrogantes, que non só é posible facer algo, senón que coido necesario e urxente pasar da actual situación de resignación diante do manifesto desastre que estades a principiar a ver no Concello de Ribeira,- moi en particular, en Palmeira-, a un plano real de actividade civica en defensa do noso povo. E preciso analizar en fondura os efectos que veñen aparellados, non só ó feismo estético, senón ó crecemento desmesurado da povoación en periodos estacionales, e que, o marxe da inevitable mudanza social do noso povo, vai doadamente rematar en problemas derivados deste tipo de crecemento, que non resposta a própia dinámica dos povos, e que, ademais, non se fai en base a plan algún de desenvolvemento, senón que resposta a intereses alleos o própio interes dos veciños. En Palmeira estamos a crear o que coidamos ven sendo preciso dende tempo… Unha forza social capaz de establecer e facer valer o criterio dos veciños do noso povo. Pasar da teorética á pragmática é doado… non se trata de “ser ou non ser”, senón de querer. Para calquera duda contáctade conmigo no tlf. 616.78.38.50

    Responder
  3. Zeus

    Como che son as cousas. A mediados do ano pasado preguntei se computaba o chan rústico para poder facer unha vivenda unifamiliar e dixéronme no concello que non. Xa vexo que as varas de medir son ben diferentes según con quen.

    Responder
  4. Dana

    É lamentábel o que está pasando co urbanismo en Ribeira. Estamos acabando co mellor que temos. Enchendo de segundas vivendas o noso entorno. Ademais, facendo dunha maneira arbitraria. Onde a un particular non lle deixan facer unha vivenda, a unha promotora permítenselle facer cousas coma estas. Hai que parar isto antes de que sexa demasiado tarde!!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *