O BNG e o “Plano de Acuicultura”. Aclaracións necesarias

Solpor no Corgo

“Vivimos tempos de balbordo e confusión, tamén propiciados e inducidos por un poder –o real- que constrúe discursos, ben funcionais aos seus intereses, a través das súas correas de transmisión, oportunamente controladas e magnificamente presentadas. É evidente que nese contexto, o nacionalismo galego, as súas propostas e alternativas políticas, as súas posicións, foron historicamente silenciadas, cando non manipuladas. Ás veces de xeito burdo, evidente. Outras, “intelixentemente” caricaturizadas ou distorsionadas. Este é o caso que nos ocupa: a posición política do BNG perante o denominado “Plano Galego de Acuicultura”. Cumpre aclarar as teses que se defenden a este respecto, aínda que, por certo, foron profusa e reiteradamente explicitadas no Parlamento de Galiza durante os últimos meses, tal e como testemuñan diversos Diarios de Sesións.

Vexamos. Lembraremos que o goberno agónico do PP –xa en funcións- aprobou en Consello da Xunta (30 de Xuño de 2005, coas eleccións xa perdidas) o alcumado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria”, proxecto aberrante elaborado e aprobado en función dos intereses económicos dun grupo empresarial –que gozou, por certo, dun hiperbólico volume de subvencións públicas para os seus negocios en todo o planeta durante os últimos quince anos-, e que tiña en Cabo Touriñán a mellor mostra do que non se pode permitir no noso litoral.

Xa co novo Goberno de Galiza, o BNG fixo todo o posíbel para anular este enxendro, acadando cando menos o acordo de proceder á súa revisión, salvando Touriñán e eliminando outros espazos que invadían a tan raquítica como cacarexada Rede Natura 2000. A partires dese momento, abríase outro proceso para a elaboración do actual Plano. Con todo, é importante sinalar aspectos que son absolutamente relevantes á hora de analisar e interpretar a evolución dos feitos, as previsións de remate do proceso, e o papel –o real, non o inventado- do BNG nese contexto.

En primeiro lugar: Non é menor a evidencia de que os departamentos administrativos directamente implicados na elaboración e desenvolvemento do Plano son responsabilidade dunha forza política –o PSOE- que historicamente mantivo posicións antagónicas co BNG, en concreto en materia de política pesqueira, marisqueira e acuícola. Consellaría de Pesca (protagonista na elaboración do Plano), Dirección Xeral de Urbanismo, Consellaría de Medio Ambiente, mais tamén a Dirección Xeral de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente (non podemos esquecer que a titularidade do Dominio Público Marítimo-Terrestre, lamentabelmente, segue residenciada en Madrid), son departamentos dirixidos polo PSOE. Pode gostar ou non, mais é unha realidade. E cando falamos de decisións políticas o pior é refuxiarnos na fantasía.

En segundo lugar: O BNG non nasceu con vocación de axente comercial de ningún grupo empresarial. Nin tampouco cun modelo industrial terceiromundista, no que calquera empresa se instala onde e como queira. A súa razón de ser é a de pór en valor toda a potencialidade da nación e dos seus recursos naturais –obviamente baixo criterios sustentábeis- ao servizo dos intereses do pobo galego. E é evidente que o noso litoral ten unhas características naturais extraordinarias para construir un modelo de desenvolvemento baseado na pesca, no marisqueo e na acuicultura. A acuicultura non é só a produción de peixes planos en piscifactorías. No caso galego é fundamentalmente a produción de mexillón en bateas (3ª potencia mundial en produción, 15.000 postos de traballo directos, riqueza inducida inserida en boa parte do tecido económico galego), aínda sendo conscientes de que as 3.500 bateas fondeadas nas nosas rías provocan un certo impacto ambiental, que asumimos, mais que convén minimizar. Porén, sería de inxenuos non aproveitar a nosa imensa potencialidade natural na cría e engorde de peixes –planos ou non- e noutras especies, comezando polo polbo e outros mariscos. Daquela, o BNG non considera por definición á acuicultura (toda ela) incompatíbel con outras actividades produtivas ou co equilibrio medioambiental da nosa costa. Iso si, non de xeito anárquico, senón con planificación, ordenación e cunha regulación que harmonice os diversos intereses (produtivos, ambientais, sociais) en xogo.

Finalmente: En coherencia cos principios antes expostos, e á vista da oposición social –mesmo institucional- que xeraron algúns dos proxectos previstos, o BNG trasladoulle formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:

a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.

b) Esixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.

c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, almacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.

d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.

e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.

f) Impulso á investigación para a cría de novas especies –evitar “monocultivos”- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.

g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.

Estamos precisamente nesta fase. E por certo, advertimos vontade de diálogo. Até onde se pode chegar, non o sei. O que si é evidente é que calquera mellora deste “Plano de Acuicultura” pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos –reitero- baixo responsabilidade do PSOE. Recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado. Que cadaquén tire as súas conclusións. Lexitimamente pódese ou non estar dacordo con estas posicións, oficialmente explicitadas desde hai meses. Mais o que non é honesto é silencialas ou manipulalas de xeito deliberado, e cunha intencionalidade política descarada.”

Bieito Lobeira
Deputado do BNG no Parlamento Galego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *