O BNG solicita a creación dun fondo de emerxencia

O BNG solicita, diante da Corporación Municipal, que se cree un fondo de emerxencia, contemplando no orzamento unha partida específica para tal fin, que sirva para atender os casos de mulleres en situación de violencia de xénero do concello que de maneira urxente necesiten recursos.

O 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, é unha data para a denuncia, para a concienciación social, e para avaliar os avances que se teñan dado e anticipar novas liñas de actuación.

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero son pasos necesarios para loitar contra este fenómeno. A Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero é un instrumento para unha nova abordaxe da violencia de xénero no ámbito galego co fin de conseguir unha verdadeira realización do principio de igualdade entre mulleres e homes, porque un dos obxectivos prioritarios de toda sociedade democrática é a igualdade entre os homes e as mulleres e unha clara expresión da desigualdade é a violencia de xénero.

A sociedade galega non debería aceptar ningunha forma de violencia de xénero, e as institucións locais teñen que tomar consciencia e responsabilizarse na tarefa de eliminación da violencia exercida contra as mulleres. Tomar consciencia é un paso que hai que dar de modo colectivo, desde o mundo laboral, as institucións, os medios de comunicación, o ensino, etc, máis tamén é un paso que se debe dar de modo persoal e individual.

Para construír unha sociedade baseada nos valores democráticos de igualdade entre mulleres e homes, necesitamos de medidas lexislativas ou contributos desde as administracións públicas, que o BNG leva poñendo en marcha onde ten responsabilidades de goberno, mais aínda é necesario o compromiso social. Este compromiso social constrúese desde a solidariedade persoal á hora de condenar sen paliativos as accións de violencia contra as mulleres, de denuncialas e facer visíbeis as nosas denuncias.

Por iso o BNG desta volta quere chamar tamén á responsabilización e ao compromiso persoal de cadaquén. Os agresores non deben achar respaldo para continuar con “normalidade” a súa vida mentres as mulleres agredidas pasan auténticas dificultades para recuperar as súas vidas. Estas dificultades son moitas e teñen que ver co aspecto económico, laboral, familiar e social.

No momento en que vivimos, onde as mulleres seguen a ser obxecto de maos tratos e moitas perden a vida a mans da súa parella ou ex-parella, non cabe ollar para outro lado, debemos dar a cara todos e todas, e asumir homes e mulleres que coa violencia de xénero non caben medias tintas. Contra a violencia machista debemos actuar todos e todas. Todas e todos somos testemuñas, e podemos escoller entre ser cómplices ou ser persoas solidarias que non imos consentir co noso silencio que se lexitimen condutas violentas contra as mulleres que perpetúan concepcións machistas asentadas en valores patriarcais.

O papel que teñen os concellos nesta loita común é fundamental, xa que poden actuar como ponte de conexión entre as políticas deseñadas a nivel nacional polo goberno galego e a cidadanía, e poden constituírse nun modelo de repulsa para todos os veciños e veciñas dos actos de violencia contra as mulleres, manifestando a súa total condena e proclamando a súa corresponsabilidade na prevención, persecución e denuncia dos casos de violencia machista, así como a atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

As cifras de denuncias e de mulleres asasinadas que se repiten ano tras ano, poñen de manifesto dunha maneira brutal, que aínda non podemos baixar a garda, e que se fai imprescindíbel a implicación de todas as institucións, asociacións e persoas. Sabemos que nos enfrontamos a un problema estrutural, pero este feito non pode converterse nunha escusa para non actuar.

Cómpre pois unha implicación real de todas as administracións no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. Unha das medidas fundamentais é apoiar as mulleres para que poidan iniciar unha nova vida en liberdade e protexida dos agresores. A creación dun fondo de emerxencia, que sirva para atender os casos de mulleres en situación de violencia de xénero do concello que de maneira urxente necesiten recursos, parécenos un bo comezo.

Iniciativa Plenaria:
solicitude_25_novembro.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *