O PP desmantela o salón de actos da casa de cultura de Carreira

O BNG quere denunciar a irregular actuación do goberno do PP na dotación dun bar na Casa da Cultura de Carreira, desmantelando, ademais, con esta actuación o salón de actos.

Por esta razón, demandamos que o Goberno Municipal proceda a regularizar a situación do bar, e que, a maiores, dote a Casa de Cultura de Carreira dun salón de actos.

Fai arredor de dous meses comentábase por Carreira a apertura do Bar da Casa da Cultura de Carreira, ó pouco tempo comezaron as obras. A veciñanza da parroquia estaba encantada pois era unha forma de achegamento da xente a un espacio que estaba sendo infrautilizado.

Os problemas xorden cando nos decatamos de que desaparecía o salón de actos do local. O bar que se pretendía abrir ía ocupar este salón, polo que as ANPAS da parroquia, as Asociacións, a Comunidade de Montes e outros entes quedábanse sen un espacio onde facer as súas reunións, asembleas, festivais, etc.

E aínda xorden máis inquedanzas cando se puido comprobar que a concesión do bar se facía dun xeito absolutamente irregular: non existía ningún tipo de procedemento de contratación aberto, para garantir os principios de publicidade, transparencia e concorrencia que debe presidir en toda contratación administrativa. Pero o máis escandaloso aínda era que as obras as estivese costeando o “posible” beneficiario da concesión, sen que se iniciara sequera este proceso; ademais, tampouco existía un proxecto de obra sobre as reformas que se estaban a levar a cabo neste local público de equipamento cultural.

Uns días despois de que o BNG empezara a facer xestións a respecto deste tema, a raíz das denuncias veciñais, sae publicado na prensa un anuncio de concesión da cafetería, concretamente o día 25/10/2007, no que se daba un prazo de 6 días hábiles, ou sexa o prazo da remataría o día 1 de novembro. A estas alturas as obras que se estaban a levar a cabo estaban case rematadas.

O BNG considera positivo que a Casa de Cultura de Carreira conte cunha cafetería, pero facendo as cousas ao amparo da normativa vixente, con publicidade, transparencia e permitindo a libre concorrencia de todas as persoas interesadas na xestión destas instalacións, non dun xeito tan irregular e a costa de eliminar, ademais, un espazo público como é o salón de actos. Este edificio dispón doutros locais nos que se puido instalar a cafetería. Xa que non foi así, consideramos que deben acondicionarse agora para que a Casa de Cultura de Carreira conte con un salón de actos.

Iniciativa municipal:
2007-10-26casaculturacarreira.pdf

5 Comments on “O PP desmantela o salón de actos da casa de cultura de Carreira”

  1. Onte fun dar unha volta pola festa de apertura do bar da casa de Cultura de Carreira e quedinme sorprendido cando un dos de IPdR me dou un folleto dicindome que o BNG non queria que se abrira o bar, pero alí solo se solicitaba regularidade na situación e a nova apertura dun salón de actos, acaso os de IPdR apoian tamén a ilegalidade?
    Eu non o entendo, pero nesa solicitude non se dicia que non se abrira o bar, soio se pedia que as cousas se fixeran pola via legal e que se lles devolvera ós de Carreira o salon de actos que lle sacaron. Sorprendeume moito que xa non solo sean os do PP os que apoian estes chanchullos, a todo hai quen gane!!
    Eu o único que podo dicir e que a miña filla non vai ter festival de navidade no colexio porque o salón de actos da casa da cultura, onde sempre o facían e que era de todos os de Carreira da noite para a mañan transformouse nun bar.
    Solo me queda dicir, BNG moi ben, seguide así que os barredes a todos, porque con estas cousas están a demostrar que todos son uns.

    Saludiños e adiante

  2. Eu tamen fun por alí, pois o cortes non quita o valente, pero a min a sensación que me dou o que estiveran a repartir eses folletos era a de mofa ou a de querer poñer a xente en contra do BNG ou mesmo de Anxeles, pois ainda cun papel diante dos ollos non entendian o que alí poñia que non e outra que o que dí Pepe, que se fagan as cousas polo medio legal, e non A DEDO.

  3. Olas a todos!!
    Como ben din Eu e Pepe, nesa solicitude solo se pedía que se fixeran as cousas como se tiñan que facer, non ía para nada en contra do beneficiario da concesión, nada máis lonxe das miñas intencións. Pois ben, non me arrepinto de facelo, estou farta de ver como neste Concello se actúa como no lonxano Oeste, non hai lei que se teña en conta, todo á machada. Noutros lugares por cousas como estas actúa a fiscalía, quizáis para a próxima vez o teña que sopesar e me dirixa directamente a quen debo facelo e non ó Goberno Municipal, que ó fin e cabo moito caso non fan, aínda o toman a mofa. Supoño que os que tedes dous dedos de fronte sabedes que o que se fixo nesta ocasión non so foi irregular, senón que foi ilegal, bastaba con que se lle dera pulo ó tema un mes antes, acta notarial e bueno. Quizais así debén facelo!!
    Sorprendente o que me contas de IPdR Pepe, podíamo esperar dos do PP, pero bueno, que che podo dicir, as urnas poñen a cada quen onde ten que estar, e non por “culpa de outros” senón polos méritos acadados.
    Bicos para todos.

  4. Como? IPdR repartiu a iniciativa do BNG? E iso? perdinme algún capítulo? Pois mira que lin máis dunha vez tanto esta anotación como a iniciativa e non atopo a razón pola que estiveran traballando para o BNG.

    Ou acaso lles parece ben que o PP se cargue o salón de actos de Carreira e adxudique a dedo esa instalación pública para montar unha cafetería?

    Penso que non se pode considerar normal este tipo de actuacións claramente ilegais. Aínda que non actúe a fiscalía, cando menos hai que facer denuncia pública para que se saiba as practicas dos que gobernan e dos que os apoia.

  5. Eu estaba contenta porque se iba abrir unha cafeteria na casa de cultura, pero o que se fixo foi acondicionar o salon da casa de cultura donde antes se facían os festivais de nadal, entroido… dos colexios de Carreira, e reunions de asociacions…
    Non se pode deixar a Carreira sin local para estas celebracions.
    Deberían acondicionar un espacio para que estas actividades se podan seguir realizando e seguir disfrutando tamen da cafeteria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *