Demandamos novamente o arranxo da Rúa Revaleiras

Rúa Revaleiras, Palmeira

O BNG, por medio do concelleiro Luís Teira, ven de demandar novamente o arranxo dunha rúa en pleno casco urbano de Palmeira, a Rúa Revaleiras, que máis que rúa é unha corredoira sen asfaltar.

O estado que presenta a rúa é lamentable, unha parte revestida con cemento e outra sen nada coa terra á vista, onde medra a herba. Onde por suposto en épocas de choiva son numerosas as pozas que se forman.

Este camiño da acceso a varias vivendas familiares. Nunha delas ao final da mesma, viven sete persoas entre as que hai: un neno e unha nena que en días de chuvia deben sortear as pozas para non ir cos pes mollados ao cole; dúas persoas maiores, con problemas de saúde e unha delas, ademais, con mobilidade moi reducida que deben ir a miúdo a revisións médicas, o que significa que para chegar á ambulancia ou a un vehículo que as traslade a un centro médico é preciso recorrer un bo tramo a pé; hai que sumarlle ademais unha persoa con discapacidade psíquica.

Non é de recibo que rúas como esta sigan tendo un estado tan lamentable nunha cidade centenaria como a nosa.

O BNG de Ribeira xa levou esta iniciativa a pleno en xuño de 2005. A pesares de que daquela o alcalde se comprometeu en Pleno a facer as xestións oportunas para o acondicionamento integral da Rúas das Revaleiras, a súa situación segue sendo a mesma: a dun camiño de terra máis parecido a unha corredoira que a unha rúa. Un ano despois, en maio de 2006 lembrámoslle o seu compromiso pero fixo oídos xordos. Agardamos que desta sexa a vencida e se acondicione debidamente esa rúa de Palmeira.

Iniciativa Plenaria:
2007-11-16arranxoruarevaleiras.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *