OS HEROES DA AROUSA

2002123185934.jpg

Sempre é bo lembrar o pasado para aprender e non cometer os mesmos erros. Cinco anos despois aínda doe lembrar esta data do 13 de novembro na que nin nos nosos peores pesadelos podíamos imaxinar o que se nos viña enriba. Aqueles “hilillos de plastilina” convertéronse nunha marea negra que asolou a nosa costa. Daquela, a dor inicial transformouse en desesperación, impotencia e logo en indignación ante o abandono e a indefensión que sufrimos por parte dos nosos gobernantes, tras unha nefasta xestión que converteu un accidente nunha tremenda catástrofe.

Din que a grandes males, grandes remedios e que a necesidade agudiza o inxenio; así foi, neste caso o mal e a necesidade foron tales que mesmo quitaron o mellor de nós. Este país ergueuse e fixo gala dunha valentía e dunha dignidade nunca vista. Naqueles días desapareceu o Estado e o pobo galego púxose en pé.

O porto de Aguiño dou a volta ao mundo. Lembro que aquel 2 de decembro estiven alí co noso deputado Carlos Aymerich. Impresionounos ver os tanques dun mexilloeiro cheos de chapapote. Saíran a probar se era efectivo o sistema de recollida que idearan. Como resultou exitoso, na mañá do día 3 dende o porto de Aguiño saíron planeadoras e mexilloeiros de toda a Arousa que se achegaran alí durante a noite para impedir a entrada da marea negra na Ría. Coas súas embarcacións e ás súas propias mans ou medios ideados por eles mesmos fixéronlle fronte ao manto negro que ameazaba con cubrir á ría máis rica do mundo, acabando co medio de vida de milleiros de familias.

Ese día volvín a ser testemuña, xunto con outros compañeiros e compañeiras do BNG, entre os que estaban, Carlos Aymerich e Bieito Lobeira, como a pesar da tensión inicial porque non había onde descargar o chapapote, o dispositivo que puxeran en marcha estaba funcionando e a nova estendeuse por toda a ría. Conseguiran facer eles máis nunhas horas que os barcos anticontaminación en varios días. Aguiño converteuse, así, no porto que lle dou dignidade a este país e a xente do mar da Arousa nos nosos heroes.

Cundio o exemplo e o resto dos portos e a sociedade civil no seu conxunto sumouse a unha mobilización sen precedentes cun obxectivo común: salvar o noso mar, a nosa costa, a nosa riqueza pesqueira e marisqueira.

Unha marea branca foi a resposta solidaria chegada dende todos os puntos da península e mesmo de Europa e doutras partes do mundo; a eses milleiros de persoas debémoslle gratitude eterna.

Mentres, o BNG reclamaba medios e axudas para combater a catástrofe que tiñamos encima. Os patróns maiores de Pobra e o Grove e o Xerente da confraría de Cangas puxéronse en folga de fame para reclamar o mesmo. E a sociedade galega organizouse e, a ao berro de “Nunca Máis”, esixiu respecto e dignidade en Compostela, que acolleu a manifestación máis multitudinaria de toda a súa historia. Un berro que logo se repetiu en moitas localidades, incluída Ribeira, e que máis tarde chegaría tamén á capital do Estado español.

Cinco anos despois, aínda quedan moitas zonas que recuperar. De feito, no vindeiro ano contaremos, gracias a intervención do BNG, con unha partida orzamentaria de 300.000 €, nos orzamentos do Estado, destinados á recuperación do borde natural de Couso a Corrubedo e a Illa de Sálvora, aínda moi danados dende aquela.

A Barbanza ten no mar a súa principal industria. É, sen dubida, o motor da nosa economía. Por iso, necesitamos que esa riqueza estea protexida ante o serio perigo que corre pola cantidade de “Prestige” que a diario pasan por diante de nós.

Ademais, os vertidos contaminantes, fundamentalmente hidrocarburos, son unha constante fronte as nosas costas. Segun dados oficiais, no período comprendido entre os anos 2003 e 2006 (inclusive), sinalan a Ribeira e ao seu porto como o lugar de todo o litoral galego máis afectado por verteduras contaminantes mar-terra, en moitos casos directamente sobre bancos marisqueiros, con 44 episodios de contaminación mariña detectados, ao que lle hai que sumar 20 máis no resto dos portos da Ría. Iso sen contar os vertidos terra-mar, producto da deficiente ou inexistente depuración das augas residuais.

Non se pode asumir como normal esta situación. Os medios existentes na Barbanza para detección, control e combate da contaminación mariña son practicamente inexistentes. Ben é certo que en Ribeira acábase de crear unha base de salvamento, que conta cunha embarcación de intervención rápida, a Salvamar Sargadelos. Sempre é positivo ir dando pasos, pero, despois dos datos expostos, este equipamento resulta a todas luces claramente insuficiente.

O balance, cinco anos despois é que hai moito que facer. Que convén lembrar o pasado para que ninguén nos arrebate o noso futuro. E para iso, é importante ter competencias en salvamento marítimo para poder artellar medidas preventivas acaídas. Xa demostramos que o facemos mellor que dende Madrid.

A sociedade galega e o BNG, sempre ao seu carón, non deben consentir máis desastres nas nosas costas. Polo tanto, mareas de chapapote, de cemento armado, de fábricas de peixe ou calquera outras que poñan en perigo o noso mar, a nosa costa, a nosa riqueza pesqueira e marisqueira, NUNCA MÁIS.

Unha reflexión sobre “OS HEROES DA AROUSA

  1. Pingback: Homenaxe ao nosos heroes | BNG de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *