Pais e nais de Artes deciden mobilizarse

Reunión de nais e pais de Artes

Así llo manifestaron ao BNG un numeroso grupo de pais e nais nunha nova reunión mantida onte no Centro Recreativo de Artes. Non só queren facer público, unha vez máis, o seu descontento e preocupación diante dos incumprimentos da Consellería de Educación, en relación co deficiente servizo do transporte escolar do alumnado da parroquia, mediante a nota de prensa que vai a continuación, senón que, ademais, anuncian mobilizacións.

“Nais e pais do alumnado da parroquia de Artes, Ribeira, fartos das promesas incumpridas da Consellería de Educación, deciden mobilizarse”

“Nais e pais de alumnos e alumnas da parroquia de Artes queremos manifestar diante da opinión pública o noso fondo malestar coa Consellería de Educación polo seu reiterado incumprimento das promesas de solucionar os problemas de transporte escolar que afectan ao alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos desta parroquia.

Por parte de diferentes membros da comunidade educativa téñense levado a cabo, desde hai máis de dous anos, reiteradas reclamacións diante da Consellería para que dera servizo de transporte ao alumnado de secundaria desta parroquia do mesmo xeito que se lle está dando, como corresponde, ao alumnado de primaria.

Temos informado que a actual liña de transporte de secundaria está saturada (viaxan alumnos e alumnas de pe) e que parte do alumnado ten que percorrer longas distancias dado que esta liña (que é transporte regular) non pasa polos lugares de Gude, Goda e Sego, entre outros, como si o fai a liña de primaria. Debemos lembrar que, a efectos de transporte escolar, o alumnado de secundaria ten os mesmos dereitos que o de primaria por ser os dous ensino obrigatorio.

A Consellería de Educación ten recoñecido a xustiza das nosas reclamacións, a necesidade de dar esta servizo que reclamamos e mesmo ten manifestado, en resposta no Parlamento Galego (do 11 de maio de 2007) a unha pregunta presentada pola deputada do BNG Ana Pontón, que “comprendemos a demanda”, “estamos a estudar a ampliación” e “esperamos que esta ampliación [do transporte na parroquia de Artes] estea en funcionamento a principio do curso 2007/2008”. Estas palabras, pronunciadas polo Director Xeral de Ensinanzas Especiais, pasados xa dous meses desde o comezo do curso, soan como mínimo a incumprimento e engano, polo que manifestamos o noso firme propósito e determinación de levar a cabo as medidas de presión e de mobilización que consideremos oportunas para que a Consellería de Educación leve a bo fin os seus compromisos e as melloras que solicitamos para o transporte escolar en Artes sexan unha realidade xa.

Así pois, na última xuntanza no Centro Recreativo de Artes temos decidido convocar unha concentración de protesta diante do CEIP de Artes para o vindeiro venres 16 de novembro ás 15,15 da tarde para a que solicitamos a presencia dos medios de comunicación co motivo de trasladar á cidadanía as xustas reivindicacións da comunidade escolar e veciñal de Artes e denunciar os incumprimentos por parte da Consellería de Educación. Tamén solicitamos das diferentes asociacións e colectivos veciñais que reiteren o seu apoio aínda sabendo que moitos deles o teñan manifestado xa con anterioridade.

Queremos facer un chamamento á Consellería de Educación para que dea cumprimento ás súas promesas, por boca do Director Xeral de Ensinazas Especiais, no Parlamento Galego, no sentido de acceder ás melloras no transporte escolar en Artes. De non ser así, manifestamos a nosa firme intención de continuar coas nosas protestas do xeito e forma que consideremos máis oportuno.

No Centro Recreativo de Artes ás 18,30 do día 10 de Novembro de 2007”

Nova na Voz:
Os pais de Artes acordan concentrarse en protesta pola falta de transporte para alumnos de secundaria

Nova no Diario de Arousa:
Educación intentará subsanar o problema do transporte en Artes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *