Nais e Pais de Artes fartos dos incumprimentos de Educación

Así llo manifestaron ao BNG nunha reunión mantida onte no Centro Recreativo de Artes. Quixeron facer público o seu descontento e preocupación diante dos incumprimentos da Consellería de Educación, en relación co deficiente servizo do transporte escolar do alumnado da parroquia, mediante unha nota de prensa, que vai a continuación.

A Consellería de Educación, por medio do Director Xeral de Ensinanzas Especiais, ten recoñecido a xustiza das súas reclamacións en resposta no Parlamento Galego a unha pregunta presentada pola deputada do BNG, Ana Pontón.

Nota de prensa

“Nais e pais de alumnos e alumnas da parroquia de Artes queremos manifestar diante da opinión pública o noso fondo malestar coa Consellería de Educación polo seu reiterado incumprimento das promesas de solucionar os problemas de transporte escolar que afectan ao alumnado de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos desta parroquia.

Por parte de diferentes membros da comunidade educativa téñense levado a cabo, desde hai máis de dous anos, reiteradas reclamacións diante da Consellería para que dera servizo de transporte ao alumnado de secundaria desta parroquia do mesmo xeito que se lle está dando, como corresponde, ao alumnado de primaria.

Temos informado que a actual liña de transporte de secundaria está saturada (viaxan alumnos e alumnas de pe) e que parte do alumnado ten que percorrer longas distancias dado que esta liña (que é transporte regular) non pasa polos lugares de Gude, Goda e Sego, entre outros, como si o fai a liña de primaria. Debemos lembrar que, a efectos de transporte escolar, o alumnado de secundaria ten os mesmos dereitos que o de primaria por ser os dous ensino obrigatorio.

A Consellería de Educación ten recoñecido a xustiza das nosas reclamacións, a necesidade de dar este servizo que reclamamos e mesmo ten manifestado, en resposta no Parlamento Galego (do 11 de maio de 2007) a unha pregunta presentada pola deputada do BNG Ana Pontón, que “comprendemos a demanda”, “estamos a estudar a ampliación” e “esperamos que esta ampliación [do transporte na parroquia de Artes] estea en funcionamento a principio do curso 2007/2008” . Estas palabras, pronunciadas polo Director Xeral de Ensinanzas Especiais, D.Antonio Vázquez, pasados xa dous meses desde o comezo do curso, soan como mínimo a incumprimento e engano, polo que manifestamos o noso firme propósito e determinación de levar a cabo as medidas de presión e de mobilización que consideremos oportunas para que a Consellería de Educación leve a bo fin os seus compromisos e as melloras que solicitamos para o transporte escolar en Artes sexan unha realidade xa.”

Unha reflexión sobre “Nais e Pais de Artes fartos dos incumprimentos de Educación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *