Situación da canceira municipal

O BNG ven de denunciar a situación de abandono da canceira municipal, demandando a súa inmediata posta en funcionamento.

Tamén ven de solicitar, tal como se recolle na normativa vixente, que se habiliten espazos e medios adecuados para que os animais poidan realizar as súas funcións fisiolóxicas en debidas condicións hixiénicas, dotándoos de expendedores de bolsas, luvas, etc.

Ribeira conta con unha canceira municipal rematada e recepcionada con data 31 de marzo de 2006. Nesta obra fíxose un investimento público de máis de 200 mil € (200.126, 11€, máis de 33 millóns das antigas pesetas). A pesar diso, esta instalación pública, 19 meses despois de ser recepcionada, aínda non se puxo en funcionamento. O estado de abandono no que se atopa é clamoroso, con rotura de cristais, do portal de entrada e roubos diversos no seu interior.

Mentres esta edificación se vai deteriorando paulatinamente, os animais abandonados, especialmente cans, son unha triste realidade coa que nos atopamos a cotío nas nosas rúas e mesmo praias. É intolerábel, pois, que, a pesar do importante investimento feito na construción desta canceira municipal, a día de hoxe aínda non se poida ofertar un servizo social tan importante.

Por outra banda, en Ribeira hai un importante número de persoas que contan con mascotas ou animais de compañía, nomeadamente, cans. Un bando municipal do alcalde desencadeou a polémica, xa que no mesmo “prohíbese a presenza, estancia e circulación de cans e outros animais, sexan potencialmente perigosos ou non, en todas as praias do municipio dende o mes de maio a setembro, ámbolos dous incluídos”. Isto, ademais, foi acompañado da colocación de sinalización prohibindo o paso de cans e outras mascotas en determinadas rúas.

Todas estas medidas prohibitivas non foron acompañadas, como entendemos que sería o lóxico, dunha dotación e acondicionamento de medios e espazos adecuados para que os animais realizaran a súas funcións fisiolóxicas en debidas condicións hixiénicas (mesmo con dispensadores de bolsas, luvas, etc.), tal como se recolle no art. 49.3 do Decreto 153/1998 de 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenrola a Lei 1/1993, de 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.

Moción:
2007-10-19-canceira-municipal.doc

3 Comments on “Situación da canceira municipal”

  1. INCRIBLE!! Que xeito teñen estes do PP de gastarse os cartos de todos, pensarán que so son deles?? Alí haberia que meter a moitos dos que levan as rendas do Concello de Ribeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *