Interesámonos no Parlamento polo deslinde de Costas

A iniciativa do BNG de Ribeira, a deputada do BNG que leva temas da Barbanza, Ana Pontón, e o deputado, Bieito Lobeira, veñen de interésase, unha vez máis, no Parlamento Galego pola problemática do deslinde de costas dos Areeiros e Palmeira. Nese senso solicitaron a comparecencia do Director Xeral de Urbanismo para que informe publicamente dos pasos dados até o momento diante da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, que é quen ten a competencia vinculada ao dominio público marítimo-terrestre, “se ben Galiza conta con competencias exclusivas (e excluíntes) en materia de urbanismo que, evidentemente, hai que exercer”, apuntan.

Indican na súa iniciativa que se trata de “lle facer fronte ao informe da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos con data de 9 de setembro de 2002, sendo titular Henrique López Veiga, que foi elevado no seu día á Dirección Xeral de Costas sinalando que o núcleo dos Areeiros non se lle recoñecía a súa clasificación como “solo urbano de núcleo rural“, e condenando, xa que logo, a moitas vivendas, a unha situación de ilegalidade.”

Por último, lembran que “con data 22 de setembro de 2006 a Dirección Xeral de Urbanismo, da Consellaría de Política Territorial, comprometíase diante dunha representación veciñal dos Areeiros en adoptar unha fórmula de solución similar á posta en marcha nos núcleo do litoral de Marín.”

O certo é que até o momento a Dirección Xeral de Urbanismo, xestionada polo PSOE, aínda non dou ningunha resposta a este tema. Dende o BNG de Ribeira agardamos que o precedente de Marín serva para acadar unha solución tanto para os Areeiros como para Palmeira, longamente ansiada pola cidadanía afectada.

Solicitude de comparecencia do D.X. de Urbanismo:
2007-10-29-areeiros.pdf

Iniciativa parlamentar:
2006-11-27-areeiros.pdf

Moción presentada polo BNG no 2005 á que o PP votou en contra:
2005-04-15-deslinde-costas-areeiros.doc

3 reflexións sobre “Interesámonos no Parlamento polo deslinde de Costas

  1. Jorganes

    Non entendo moi ben a postura do bloque neste tema. Paréceme moi ben que queira defender as vivendas que foron construídas na liña de protección de costas dun xeito ilegal, pero o que non me parece ben e que queira rebaixar a liña de protección dos cen metros.

    Que saiban que non todos os veciños de Castiñeiras estamos a favor de que se permita a construción na nosa aldea do xeito abusivo a que se está a permitir.

    Non alcanzamos a entender como pode un partido progresista pretender que o dominio público marítimo terrestre pase a mans dos especuladores para facer as edificacións costeiras que están a facerse e coas que se está a especular.

    Isto é ganancia para uns poucos e privatización da costa e da paisaxe en beneficio de non sabemos moi ben quen.

    En Castiñeiras estase a construír dun xeito totalmente irresponsábel. Non se están a respectar os anchos das estradas. En algúns casos as novas edificacións de moitos apartamentos están a facerse no medio do monte, sen ter accesos, alumeado público, rede de sumidoiros, ni ningún tipo de servizo.

    Castiñeiras conta cun transporte público lamentable. Nas praias de Castiñeiras están a producirse verquidos case a diario, e a costa está en constante deterioro.

    ¿A quen beneficia que o solo dunha zona rural se converta en urbanizable? ¿Non é a obriga dun Concello responsable dotar dos servizos necesarios antes de urbanizar? ¿Están vostedes comprobando que as novas construcións cumpren cos requisitos legais?

    Eu so consultei sobre a legalidade dunha urbanización que está a construírse preto da miña casa. Xa vai case para un ano que o fixen e aínda estou a esperar resposta. O único que pescudei verbalmente por parte dun funcionario foi que non se respectaron as distancias mínimas da estrada.

    En fin creo que un partido progresista debera ser un pouco máis responsable no coidado do medio ambiente, as costas e procurar un urbanismo máis responsable e menos especulativo.

    Responder
  2. Dana

    A meirande parte das casas tanto dos Areeiros como de Palmeira Norte estaban feitas antes da Lei de Costas de 1988. Polo tanto non se pode dicir que foran construídas dun xeito ilegal.

    É a Lei de Costas a que coloca vivendas legalmente construídas nunha situación de ilegalidade. De tal maneira que só se podería manter aí por 30 anos prorrogables por outros 30. Non se lle permite ningún tipo de obra de mellora, tan só de mantemento, previo permiso de Costas, etc.

    Ante esta tesitura, non sei porque che chama a atención que o BNG este a carón da xente que ten este problema. Outra cousa ben distinta é que logo o goberno municipal consinta atropelos urbanísticos como os tres adosados que hai alí, os edificios a carón do río Listres, ou mesmo, que unha vez que a servidume de costas pase a 20 metros, supoñendo que se consiga, non poña ningún tipo de protección urbanística nese entorno. Se deixa que caia en mans de especuladores e permite que onde agora hai vivendas unifamiliares se levanten edificios, iso xa é responsabilidade de quen goberna no concello.

    En todo caso, penso que non se poden confundir termos. Unha cousa é defender os intereses da xente e o seu ben material máis prezado, como é a súa vivenda, (imaxina que fora a túa, co traballo que custa ganala) e outra ben distinta son os desastres urbanísticos que se están consentindo en todo o concello, dos que o único responsábel é a Xunta de Goberno Local, co seu alcalde á cabeza, que é quen ten as competencias en urbanismo, quen da as licencias, e quen, a estas alturas, aínda non foi quén de adaptar o PXOM a Lei do Solo cando o tiña que facer antes de xaneiro do 2006.

    Responder
  3. Armando

    Pois menos mal que o BNG e outros partidos nos apoian, senón mal íamos. Por certo, algúns que van de progresistas non teñen rubor en mirar para outro lado e mesmo absterse en Pleno, dándolle as costas á veciñanza afectada por este problema.

    Non sei se o verías igual se fora a túa casa. O que che podo dicir que eu fixen, con moito esforzo, hai moitos anos unha vivenda da que teño licencia. E agora dinme que é ilegal. Que para mover unha tella teño que pedirlle permiso a Costas.

    En fin, é un lamentábel que os nosos políticos, que están aí cos nosos votos, non miren polos intereses da xente humilde. Facer un deslinde dende Madrid, sen coñecer a nosa forma de vida é moi triste. Máis o é que os teus propios veciños non sexan solidarios contigo ante un problema coma este. Unha mágoa!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *