Unha galescola para Ribeira

Carmen Adán, Dominga Brión e Ana Álvarez

Así nolo confirmou a Secretaria Xeral de Igualdade, a nacionalista Camen Adan. Ribeira poderá contar con unha galescola, sempre que o Concello se integre no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, poña a disposición o terreo e aporte o 20% da financiación. Vicepresidencia encargase do 80% restante.

A devandita confirmación produciuse o pasado venres, día 19 de outubro, durante unha entrevista que mantiven coa propia Carmen Adán, a que tamén asistiu a concelleira Ana Álvarez. Isto é froito das importantes xestións feitas polo BNG de Ribeira diante da Vicepresidencia da Xunta de Galiza. Despois de varias reunións de traballo coa Delegada Tereixa Novoa, a Secretaria Xeral ratificounos que a cidadanía do noso concello poderá dispor dun servizo social moi importante.

Cabe lembrar que Ribeira conta con un censo poboacional de preto de 1.000 nenos e nenas de 0 a 3 anos. Neste momento só dispón dunha Escola Infantil Municipal de arredor de 100 prazas de 0 a 3 anos, os preto de 900 restantes teñen que estar ao coidado das súas familias, por falla de oferta pública.

Falta, pois, que o Goberno Municipal cumpra coa súa parte, para que Ribeira conte cun servizo moi necesario para o noso concello. O Goberno do PP de Ribeira, ata o momento, non fixo nada para integrarse no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, algo imprescindíbel que xa fixeron 209 concellos a día de hoxe. Por esa razón o BNG, por medio da concelleira Ana Álvarez, presentou unha iniciativa na que se pretende acadar os seguintes acordos:

1. Solicitar a adhesión do Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

2. Facultar á Alcaldía para formalizar a adhesión do Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para o que, previamente, deberá aprobarse nunha próxima sesión plenaria os Estatutos de adhesión ao Consorcio e o nomeamento do/a representante do Concello no citado Consorcio.

3. Poñer a disposición da Vicepresidencia da Xunta de Galicia terreos para a construcción dunha Escola Infantil.

Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é unha entidade de dereito público, integrado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia e, a día de hoxe, por 209 concellos galegos. É esta a fórmula xurídica escollida para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais.

Constitúese así no ente que vai dar cobertura para que, tanto a Vicepresidencia da Xunta coma os concellos integrados, acheguen o financiamento preciso e acordado. Deste xeito garántese que cada proxecto conte cun orzamento plurianual e asegúrase a súa sostibilidade financeira.

Algunha das vantaxes deste modelo xurídico é a de que se poida garantir a prestación de servizos de calidade con niveis suficientes de cobertura, a flexibilización do acceso e do uso dos recursos sociais e a mellora dos dispositivos de coordinación. Igualmente, redundará en beneficio da eficiencia e da eficacia no desenvolvemento das competencias propias da Xunta, tanto na planificación coma na programación, na ordenación e na coordinación do Sistema Galego de Servizos Sociais.

As dúas áreas en que traballa o Consorcio son, polo tanto, a de Igualdade e a de Benestar. Na primeira delas trabállase pola conciliación da vida laboral e persoal, para o que se crea a Rede Galega de Escolas Infantís (Galescolas) e púlase pola igualdade e a protección das mulleres vítimas de malos tratos. No terreo do Benestar o principal proxecto é a creación da Rede Pública de Atención á Terceira Idade e á Dependencia, na busca, entre outros aspectos, de mudar neste eido a relación de dependencia dos concellos respecto da Xunta de Galicia. Outros dos ámbitos de actuación focalizados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar será a loita contra a pobreza e a exclusión social, estratexia que se desenvolverá sobre a base do II Plan Galego de Inclusión Social.

Moción:
2007-10-17consorcio.doc

Nova na Voz:
O BNG solicita ao goberno de Ribeira que habilite terreos para construír unha galescola

Nova no Diario de Arousa:
Ribeira terá unha nueva galescola se se adhiere ao Consorcio de Igualdade

2 reflexións sobre “Unha galescola para Ribeira

  1. pedro

    NoN sei de que va eso do consorcio, pero lo importante es que en Ribeira fan falta non una sino duas guarderias mais por lo menos. A dexarse de coñas e QUE SE FAAAAAAGAN!!

    Responder
  2. Pingback: Iniciativas do BNG ao Pleno ordinario de outubro | BNG de Ribeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *