Os concellos poden limitar a venda de bebidas alcohólicas

INNOVACION E INDUSTRIA LÉMBRALLE AOS CONCELLOS QUE PODEN LIMITAR A VENDA DE BEBIDAS ALCOHÓLICAS EN ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS

 A directora xeral de Comercio, Ana Rúa, explica que a nova Lei de Horarios Comerciais, en vigor desde o 29 de decembro de 2006, faculta aos concellos a prohibir a venda entre as 22:00 horas e 9:00 horas por razóns de orde pública

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2007. Perante as novas aparecidas nos últimos días e relacionadas co denominado fenómeno do botellón, a directora xeral de Comercio, da Consellaría de Innovación e Industria, Ana Rúa, desexa realizar as seguintes puntualizacións: “Sen entrar no fondo desta cuestión, que posúe un calado social amplo e no que atinxe ás cuestións estritamente comerciais compre lembrar que a nova Lei de Horarios Comerciais faculta no seu artigo 10 aos concellos para que no ámbito do seu termo municipal poidan acordar de maneira singularizada e por razóns de orde pública a prohibición de expender bebidas alcohólicas desde as 22:00 horas ate as 9:00 horas do día seguinte”, sinala.

Ana Rúa, explica que esta prerrogativa que recolle a nova Lei de Horarios Comerciais, en vigor desde o 29 de decembro de 2006, pode aplicárselle aos establecementos comerciais con independencia do réxime de apertura que lles fose aplicábel. A imposición desta prohibición corresponderá polo tanto aos concellos, únicos lexitimados para tomar esta medida por razóns de orde pública, e unicamente deberá ser comunicada posteriormente á dirección xeral competente, é dicir, á Dirección Xeral de Comercio. A medida afectará aos establecementos comerciais que inclúan na súa oferta a venda de bebida alcohólicas.

“Consciente da situación social xerada polo chamado botellón –engade a directora xeral de Comercio, Ana Rúa- a Consellaría de Innovación e Industria o que fixo a través desta lei é facultar aos concellos para que tomen as medidas competentes. Os concellos dispoñen, polo tanto, de todos os instrumentos legais para actuar no momento en que o consideren necesario por razóns de orde pública”, engade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *