O BNG de Ribeira na festa do Dolmen de Ouro

O BNG de Ribeira no Dolmen Douro 2007

O día 28 de setembro acudín, acompañada de Xosé Luís Groveiro e Luís Teira, á entrega dos Dolmen de Ouro, que este ano chega a súa XIX edición. Con este galardón a Federación de Empresarios da Barbanza distingue ao empresariado máis sobresaínte das comarcas da Barbanza, Sar, Muros e Noia.

A velada celebrouse nun marco incomparábel, o Pazo do Tambre, en Outes, e para nós transcorreu en agradable compañía, compartindo mesa e mantel, entre outras persoas, co vicepresidente da CECB, Jaime López Sánchez, a súa dona, Esperanza e o xerente de Ferrallas Calo, agasallado con un Dolmen de Ouro.

A Federación de Empresarios do Barbanza outorgou dezaseis distincións a outras tantas empresas do seu ámbito de actuación. Ademais dos premiados en cada municipio, en Ribeira foi Bodegas A Parra, recoñeceu á academia de perrucaría Yara, polo uso da lingua galega; a Estivada Ecuestre, pola iniciativa empresarial; a Dermofarmacia Deolinda, por toda unha vida de dedicación; a Ferralla Calo’s, e a Salustiano Piñeiro. Piñeiro, emigrante retornado, que recibiu a quinta medalla de ouro da FEB, expresou coas súas palabras o sentir dos distinguidos: «O futuro desta terra será tan brillante como nós podamos imaxinalo, sempre que se afronte con traballo, honestidade e ilusión».

A esta cita anual asistiu unha ampla representación do BNG encabezada pola Directora Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, e o vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar, que destacaron a importancia da coordinación entre entidades públicas e privadas para mellorar as condicións de vida e traballo, resaltando o labor da empresa privada no desenvolvemento socioeconómico de Galiza.

Tamén asistiron o delegado da Consellería de Innovación e Industria, Lois Barcia, o delegado da Consellería de Vivenda e Solo, Xoán Carlos Bascuas, a deputada provincial da comarca, Rosana Pérez, e o tamén deputado provincial, Xoán Cabo. Alcaldes do BNG, como Xosé Deira de Boiro, Voceiros e Voceiras municipais, Concelleiros e Concelleiras nacionalistas de toda a comarca tampouco quixeron faltar a esta celebración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *