Vivenda aposta polo Parque Empresarial da Barbanza

Localización Polígono da BarbanzaProposta de Ordenación Polígono da Barbanza


A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO APOSTA POLO PARQUE EMPRESARIAL DA BARBANZA PARA DAR RESPOSTA Á DEMANDA DE SOLO PRODUTIVO DESTA COMARCA E A SÚA ÁREA DE INFLUENCIA

O director xeral do IGVS explicou o mércores, día 19, pola tarde no Parlamento que a localización deste parque responde ao estudo de solo nos concellos de Ribeira, Pobra do Caramiñal, Noia, Porto do Son, Lousame e Outes

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, aposta pola creación do Parque Empresarial da Barbanza para dar resposta á demanda de solo produtivo das empresas interesadas en instalarse nesta comarca e a súa área de influencia. Este parque, que contará cunha superficie de 1 millón de metros cadrados, está localizado entre os concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal e pensado para dar servizo tamén aos concellos de Noia, Porto do Son, Lousame e Outes.

Así o explicou o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Daniel Pino, esta tarde na Comisión 2ª do Parlamento galego. O director xeral engadiu que, ademais do Parque Empresarial do Barbanza, a Consellería está a desenvolver nesta área económica, a traveso da sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) participada pola Consellería nun 15%, o Parque Empresarial de Rianxo, de 260.000 metros cadrados e o Parque Empresarial de Muros con 181.400 metros cadrados. Mentres que Xestur A Coruña está a acometer a 2ª fase do Parque Empresarial de Espiñeira no Concello de Boiro, que terá en total 367.300 metros cadrados.

Daniel Pino explicou que a Consellería de Vivenda e Solo aposta pola creación de parques empresariais ben dimensionados e localizados nas grandes zonas económicas do país, ao contrario do que pasaba coa anterior Administración, que desenvolveu pequenos parques espallados polo territorio. É o caso do Parque Empresarial de Porto do Son, inviable pola súa raquítica dimensión e pola aparición de restos arqueolóxicos.

A Consellería de Vivenda e Solo estudou un ámbito de 6 millóns de metros cadrados antes de decidir a localización do futuro Parque Empresarial do Barbanza. Neste estudo tivéronse en conta aspectos como as comunicacións e servizos da zona, o impacto medioambiental, o custe económico da actuación e a demanda de solo empresarial.

Neste senso, o Estudo da Demanda e oferta de solos empresariais de Galicia, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela, revela que coa oferta de parques empresariais que está prevista na comarca do Barbanza a Consellería dará resposta á demanda de solo produtivo desta zona. A demanda prevista de aquí a 2015 será de 992.000 metros cadrados mentres que a oferta efectiva será de 1,5 millóns de metros cadrados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *