O BNG leva ao Parlamento o Plan Galego de Acuicultura

Reserva de 55.000 m. terreo para unha piscifactoría en Couso Reserva 308.000 m. terreo piscifactoría do Corgo Reserva de 115.000 m. terreo para ampliar piscifactoría Seráns

O BNG ven de interesarse no Parlamento Galego polo Plan Galego de Acuicultura. A deputada encargada da comarca, Ana Pontón, e o deputado responsábel de pesca, Bieito Lobeira, presentaron unha iniciativa parlamentar en relación con este plan.

Na mesma lembran que “16 anos ininterrompidos e con maioría absoluta do Partido Popular non foron suficientes para planificar e organizar o sector da piscicultura na Galiza”, e indican que “só no último Consello da Xunta de Galiza (cun goberno en funcións!!) se aproba o denominado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria”, que fixaba unha serie de lugares destinados á construción de piscifactorías, moitos dos cales atentaban mesmo contra a insuficiente e limitada Rede Natura 2000 do litoral galego.”

Tamén consideran que ese Plano que está en revisión “rexistrou un importante número de alegacións, concentradas nalgúns proxectos concretos, que cumprirá resolver”. Polo tanto, coidan que é importante “á vista da oposición popular xerada nalgúns dos proxectos, propiciar un encontro no que as partes afectadas determinen finalmente a idoneidade dos espazos, tendo en conta as garantías medioambientais previstas en cada caso, e as repercusións na xeración de emprego en cada localización”.

Cabe destacar que o Plan Galego de Acuicultura que abarca toda a costa galega, dende a fronteira con Asturias ata o límite con Portugal, incide especialmente e de forma desproporcionada no entorno dun dos máis valiosos espazos naturais da nosa costa: o “Complexo Húmido de Corrubedo”, incluído na proposta galega para a Rede Natura 2000, que a Consellería de Medio Ambiente pretende ampliar, e que abarca os termos municipais de Ribeira polo Sur e Porto do Son polo Norte.

Segundo se deduce do exposto na revisión do Plan, o tramo costeiro deste espazo será o máis afectado polo desenvolvemento e execución deste, xa que nel se inclúen case medio millón de metros cadrados de superficie dos municipios de Ribeira (363.000 m2) e de Porto do Son (115.000 m2) como parques de tecnoloxía alimentaria, o que supón o 15,05% da superficie total prevista.

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira, considera que o Complexo Húmido de Corrubedo non é o lugar máis axeitado para este tipo de instalacións, polo que xa presentou alegacións (que podes ver nunha anotación de 7-09-07) ao Plan Acuícola de Galiza, no sentido de retirar do mesmo os Parques nº 7 de COUSO-AGUIÑO, nº 9 de LAXE BRAVA e 8 de SERÁNS.

Iniciativa parlamentar:
2007-09-07iniciativaparlamentarpgacuicultura.pdf

Nova na Voz:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *