Intelectuais e artistas pola defensa de Corrubedo

PRIMEIRA ENTREGA
http://altermundo.org/portal/content/blogcategory/116/230/lang,gl_ES/
Se queres contribuír neste berro de país envía o teu texto a: corrubedo@altermundo.org

Os fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo facemos un chamamento desesperado para liberar a nosa costa virxe das poutas das transnacionais fabricantes do peixe. Velaquí as verbas do país:

––––––––––

ABRAZAR O MAR EN CORRUBEDO

Abrazar o mar en Corrubedo.

Que non haxa listas de espera cando o que queremos é salvar o océano.

Que non teñamos un accidente mortal o día que collemos as vacacións.

O faro de Corrubedo sabe de memoria todos os nomes dos barcos.

Non lle poñas un candado á miña bicicleta. Eramos mellores cando eramos analfabetos?

A sociedade está cambiando. Non me leves á forza ao dentista. “Ollos verdes son traidores, azuis son mentireiros, negros e acastañados son firmes e verdadeiros”. Os peixes deben medrar e voar na auga. Podemos ir nun autobús moi vello e moi lento a Corrubedo, contando chistes co conductor. Podemos ser modernos aínda que non teñamos o coche máis caro, máis agresivo e máis contaminante do mercado. Un cantante de folk quere levarme de paseo polos cantís de Corrubedo. “Amar ou non amar: that´s the cuestion”. É misteriosa A MORTE, e son misteriosos os pallasos. Saben falar inglés os nenos de Corrubedo? Non subas tan alto que podes caer e matarte. Levan tanga as mulleres de Corrubedo? Non me desenchufes a televisión cando estou vendo o telediario. As películas en branco e negro cánsanme os ollos. Quen inventou o arco iris? NON FALES CON DESCOÑECIDOS. Na Xunta de Galicia respetan a paisaxe?

O mar que máis amas é o mar que levas dentro da gorxa…

Un mar de patacas… Un mar de herba…

Lupe Gómez

––––––––––

A terra para quen a traballa, non si? Pois o mar e o litoral, tamén: son da xente do mar, e non dos fabricantes de peixe; son dos cidadáns, e non do kapital depredador. Defendamos o patrimonio natural, cultural e comunal en Corrubedo. Xuntos todos e todas. Adiante.

Xosé Manuel Beiras

––––––––––

Quero manifestar-vos a minha solidariedade com esta nova loita. Que rechamante é que num momento no que cada vez resulta mais clara a conciência no que atinge aos efeitos devastadores das mudanças climáticas, as grandes transnacionais acelerem as suas agressôes contra o planeta! Nâo devemos esquecer que o seu principal projecto hoje é sem mais a obtençâo do maior benefício no menor tempo imaginável. Como nâo podemos esquecer que elas sâo, infelizmente, as que ditam boa parte das regras de jogo como a complacência, em tantos lugares, dos poderes políticos. Nessas condiçôes, nada mais urgente que argalhar loitas que, como a vossa, nascem de abaixo.

Carlos Taibo, Madrid

––––––––––

O MELLOR DE NOS

O mellor de nos é a terra que nos acolle, feita das cinzas dos que nos precederan; as ondas que baten na beiramar, de onde os nosos antepasados partiran e ás veces regresaran; a brisa que agarima o rostro traendo noticia e saúdo doutras xeografías; a area das dunas chegada do deserto, que non é senón un mar virado do revés; o asubío do vento entre as carballeiras que fai voar as follas para que soñemos en viaxes e distancias. O mellor de nós é querérmonos e querer a quen nos quere. Quen non quere para os seus o mellor de si?

Xavier Queipo, Bruxelas, 16 de Agosto 2007

––––––––––

Un parágrafo por Corrubedo. Pois non. Sintoo. Un parágrafo pola vida. Un parágrafo polo mar limpo, os cons senlleiros e os peixes das pedras, iso si. Outro parágrafo polas pola escuma das ondas, o balbordo do mar e a ardora nas noites de luar, tamén. Un parágrafo máis polas areas que zoan cancións cando as pisas cos teus pés nuos e que son inconfundibles con outras cancións que aínda quedan na area doutras praias próximas e lonxanas, alleas e de nós, pois tamén. Asi pois, un parágrafo pola liña das cancións salvadas dos naufráxios en todalas praias do mundo con areas cantarinas e brancas, si. Establezamos xa que logo as liñas das cancións. Sabemos que hoxe a canción da vida empeza en Corrubedo. Un parágrafo, pois, pra que non morra alí mesmo. Nunca. Por iso, un parágrafo non, unha canción. A do mar que vai e ven e nace sempre en Corrubedo.

Alfredo Conde

––––––––––

No cabo do Mundo, na capital do altermundo, no imenso areal de Corrubedo, a dignidade da xente non está en venda.

Antón Mascato

––––––––––

Señores e señoras dos negocios: xa temos as nosas costas abondo masacradas por culpa de vostedes. Leven as súas insaciabeis ansias de multiplicar os capitais alá onde a perda non sexa tan inmensa.

Anxo Tarrío

––––––––––

Contade coa miña defensa da fermosa paisaxe natural de Corrubedo fronte á expoliación que se trata de facer nela. Cunha apreta.

Xoán Bernárdez Vilar

––––––––––

Dende a cima do Galiñeiro que preside o noso Val Miñor queremos seguir ollando o Corrubedo verde.

Carlos Méixome Quinteiro. Director do Instituto de Estudos Miñoranos

––––––––––

OS HABITANTES DA NACIÓN NON DEBEMOS SER CÓMPLICES NIN QUEREMOS SER VÍTIMAS DA AGRESIVA USURA MULTINACIONAL. LIBEREMOS A TERRA E O MAR DE CORRUBEDO DE TODA AMEAZA COA FORZA INSUBORNÁBEL DA VONTADE CIVIL E POPULAR.

Xosé María Álvarez Cáccamo

––––––––––

Corrubedo, o berro dos que, sen saudosismos nin folclorismos, queren que siga vivo ese privilexiado lugar co seu cabo, coas súas brancas praias e coas súas garimosas enseadas, coa súa cultura mariñeira tradicional e co seu diferenciado xeito de estar no mundo, neste mundo globalizado e uniformizador”.

Unha aperta… e avante!

Francisco Fernández Rei

––––––––––

Hai camiños que son pasarelas transparentes que nos levan a un certo lugar. Hai pasarelas prateadas que nos transportan a outro mundo. Este, que entre as nosas mans aínda non deixamos morrer. Onde o silencio se fai un paraíso de area. Onde o vento vive do mar e o ruído do mundo se fai tan pequeno. Onde aínda entre as herbas medradas podemos lembrar a vida que soñamos. A xema do deserto faise xardín nas nosas costas.

Sempre queda unha pasarela tatuada na pel desa praia, que nos conduce a algo. Unha senda finísima camiño á esperanza. Brilla de emoción sobre as mesmas areas que están contendo os nosos pasos. As pegadas infinitas sobre os séculos da area. E o seu alento de pátina. O seu fulgor.

Hai estradas de luz que atravesan as ideas e nos achegan ao outro lado. Hai translúcidas pontes que nos poñen en contacto cun anaco de mundo polo que habemos loitar. Delicadas, coraxosas. Pasarelas que levan ao cabo e nunca se perden. Corredores de lúa cara ao cabo do amor.

Yolanda Castaño

––––––––––

É urxente cambia-lo paradigma, para podermos chamar as cousas polo seu (verdadeiro) nome. A producción industrial de peixe faise en granxas (como a de polos, porcos, avestruces… que sei eu). E para se integrar nos actuais sistemas de producción-comercialización da industria alimentaria a dimensión do cacharro ten que ser potente. A industria medra, logo a paisaxe sobra. O que sobra pode ser ocupado, reconstruido e contaminado. Pero se a única razón (o valor) para o uso industrial da costa é a proximidade da auga do mar, non sería máis doado contratar un deses promotores que andan soltos polo país e que invente unha nova “marinadorcidadevacacións” con varios pisos de balnearios e servizos na superficia e moitas prantas de piscifactorías soterradas? Digo. Por rendabilizar.

Xabier Viana Tomé. Guionista tv

––––––––––

Dende o cabo conquistado de Cap Roig (Girona), salvemos corrubedo!!

Miguel García

––––––––––

Amigos da Plataforma pola defensa de Corrubedo: Unha aperta pola voso traballo; quero que saibades que dende A PENEIRA estamos convosco. Seguide informándonos e nós informaremos ó mundo. Saúdos.

Guillermo Rodríguez-Director

ARTIGOS LONGOS:

O cabo verde de Corrubedo, por Miguel Anxo Fernán Vello

Do Courel a Corrubedo II. Da acuicultura á fabricación de peixe, por Xosé Manuel Beiras

Do Courel a Corrubedo I. A terra e o home, por Xosé Manuel Beiras

Un parágrafo por Corrubedo, por Plataforma M. De Corrubedo

Corrubedo: conserva e serás castigado, por Manoel Santos

Un desatino rotundo, por Ignacio González Martínez

2 Comments on “Intelectuais e artistas pola defensa de Corrubedo”

  1. Algunhas cousas non teñen comenzo, e po-lo tanto o fin e inexistente, só son fases da vida.
    Desde sempre esta terra xa chamou a atención dos que non son os seus donos.
    Xa choveu dende que viñeran os Viquingos, Romanos, Ingleses,… e agora tocoulle os da Consellería de Pesca… Copiando o título dunha película que vin ¿Non estaremos “durmindo co inimigo”?
    Daquela defendíamos a terra con paus e espadas…, hoxe vemos que con palabras tamen se loita, esperemos que déa resultado, e po-lo menos ganemos esta batalla, e tanto se a ganamos coma se non, xa nos podemos preparar para a siguiente, pois podemos ter por seguro que virá.
    Non existe un fin, por que nunca existeu un comenzo, son cousas da vida, só e unha loita po-la supervivencia.
    Animo pos loitadores.

  2. Neste novo aniversario da catástrofe do Prestige, chega a ameaza dunha nova catástrofe, pero agora calculada, premeditada.
    E toca outra vez sair á rúa e berrar NON.
    Imos impedir que nos rouben Corrubedo, que nos rouben o mar.
    Apertas para os amigos de Corrubedo.
    Adiante

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *