A Conselleira escolle aos noruegueses antes cós galegos

Nota de prensa da Plataforma de Corrubedo:

“A Plataforma de Corrubedo critica que a conselleira non visite os espazos da costa que pretende esnaquizar coas súas fábricas de peixe e, pola contra, se faga amiga dos donos das transnacionais norueguesas. Por outra banda, a Plataforma, xunto con outras do país e mais a organización ambientalista Adega, presentará as súas alegacións ao Plan acuícola o vindeiro 29 de agosto en Santiago.

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo quere manifestar a súa sorpresa e indignación pola xira economicista que realizou a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, a terras norueguesas a mediados de mes para, entre outras actividades, “visitar instalacións de varias empresas norueguesas dedicadas á acuicultura e ao procesado de certas especies pesqueiras”.

A Conselleira confirma pois as afirmacións da Plataforma, que considera que o Plan Acuícola fíxose de costas á xente e negociouse directamente coas empresas, repartindose a costa galega, que non é dela, como se fora unha torta. Foi o deputado do PsdeG-PSOE o que escribiu no seu blog (http://www.jmlage.net/blog/) “o plan estase elaborando coa colaboración das principais empresas galegas do sector e unha das dificultades céntrase en poder atender as demandas do sector acuícola”. Queda claro. Nós somos merda.

Sen ánimo de criticar as estratexias económicas da Consellería de Pesca, pois lexítimo e humano é que cadaquén quera deixar a “súa grande obra” para o ben da grandeza do país –como Fraga fixo con Gaiás–,a Plataforma séntese ultraxada e ninguneada, pois para Carmen Gallego semella máis importante “quedar ben” e “facer negocios” coas transnacionais que fabrican peixe do país nórdico que atender as demandas das veciñas e dos veciños da costa nosa.

A Plataforma afirma que a Consellería de Pesca en ningún momento se dirixiu aos movementos veciñais de Corrubedo para interesarse polo seu rexeitamento ao Plan Acuícola, parido polo PP e agora revisado e empeorado se cadra, cando menos no que se refire a Corrubedo, polo goberno actual. Dubidamos que Carmen Gallego teña nunca pasado por Corrubedo, cando menos pola zona da Laxe Brava e O Corgo, onde unilateralmente pretende expropiar 308.000 metros, todo un cabo de terra liberada e conservada secularmente polos seus habitantes, polo pobo, para entregarlla a unha transnacional do peixe. Privatizar o que non é de un pode parecer doado. Xogar coa terra que pertence a todo un pobo tamén. Mais aseguramos que non imos ceder ás pretensións tendenciosas nin da Consellería de Pesca nin dos poderes económicos que nos queren roubar o que máis queremos.

RODA DE PRENSA O DÍA 29

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo participará nunha entrega masiva de alegacións, por parte dos movementos sociais e ambientalistas galegos, no rexistro da Consellería de Pesca en Compostela o vindeiro 29 de agosto ás 10:00 horas da mañá. A Plataforma entregará tamén máis de 3.000 sinaturas que, recolleitas na contorna de Corrubedo, apoian o seu rexeitamento á fábrica de peixes en Corrubedo.

Posteriormente, terá lugar ás 12:00 horas da mañá, no Club Internacional de Prensa, unha Roda de Prensa, nun acto no que intervirán Fins Eirexas –de Adega–, Manoel Santos –da Plataforma Medioambiental de Corrubedo– e Xosé Manuel Casais –da Plataforma pola Defensa do Patrimonio de Quilmas. Enderezo: Avenida de A Coruña, 6 baixo // 15706 Santiago de Compostela”

Asina: Manoel Santos, presidente da Plataforma Medioambiental de Corrubedo
corrubedo@altermundo.org
Tel: 686 021 933

CAMPAÑA INTELECTUAIS E ARTISTAS POLA DEFENSA DE CORRUBEDO

3 reflexións sobre “A Conselleira escolle aos noruegueses antes cós galegos

  1. curro

    Claro que temos que loitar todos por protexer da destrucción a Corrubedo, pero eu penso que iste obxetivo tiña que incluir tamén a denuncia dos estragos urbanísticos que se están a producir no noso fermoso pobo nestes tres últimos anos. Non ó Plan Acuícola!! e non ó feísmo e a especulación urbanística!!... existen moitas formas de revitalizar o desenvolvemento económico no ámbito rural… potenciando precisamente as riquezas que ofrecen estes enclaves maravillosos dos que temos a obriga de protexer por respeto ós nosos antepasados e ás futuras xeracións.

    Diversificación das actividades economicas, dende a sostenibilidad sin aplaudir a explotación turística convencional basada na construcción incontrolada para satisfacer as demandas dun consumismo que busca levar consigo todas as comodidades que atopa nos grandes núcleos urbanos sen importarlle esgotar e acabar con seculos de riqueza mediombiental e paisaxes de incalculable valor cultural, economico-social e imprescindible para a preservación da biodiversidade. Non é o turismo que acabou coas costas do sur e o levante peninsular o que necesita Corrubedo, nin este tipo de empresarios e promotores (moitos de eles, propios conveciños… o que é aínda máis triste) sen escrúpulos cuxos únicos valores son os de encher os petos de cartos sen importar o modo de facelo.

    Salvemos entre todos a Corrubedo!!

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *