Corrubedo fai un chamamento aos intelectuais e artistas do país

CHAMAMENTO DA PLATAFORMA MEDIOAMBIENTAL DE CORRUBEDO AOS E ÁS INTELECTUAIS E ARTISTAS DO PAÍS

“Benqueridos e benqueridas amigos e amigas,

Os fillos e as fillas do cabo verde de Corrubedo facemos un chamamento desesperado para liberar a nosa costa das poutas das transnacionais fabricantes do peixe. Fixémolo hai anos para preservar os nosos montes de area, as nosas dunas. Fixémolo tamén para rematar –e abofé que rematamos– cos vertidos incontrolados e contaminantes dunha conserveira e fixémolo incluso o ano pasado para liberarnos da primeira ameaza das macropiscifactorías en zona protexida, na alma acantilada do país noso. E facémolo de novo, hoxe e agora que pretenden castigar á nosa costa, a mesma que nós, fillos e fillas do cabo, fillos e fillas de Galiza, conservamos dende sempre sen unha soa agresión nin urbanística nin industrial. Unha piscifactoría, fábrica de peixes ao cabo, de 308.000 metros cadrados en territorio virxe é o noso premio por conservar, o castigo a ese cabo do mundo ao que só chegan os salseiros do mar. Corrubedo é aínda Terra Liberada. É xusto que á nosa terra liberada, ao noso litoral incólume, veña agora o poder dunha empresa para exercer o castigo da destrución?

Dende aquí, dende o cabo liberado de Corrubedo, pedimos a intelectuais e artistas o seu apoio, a penas un parágrafo asinado que poidamos empregar para continuar coa nosa presión mediática e social –pois é o único que entenden–, sen ningunha pretensión nin política nin doutro tipo, tan só polo amor á terra. Sondes intelectuais, artistas, actores e actrices, pintores e pintoras, escritores e escritoras…, e o voso traballo, para ben ou para mal, é ou será ao cabo patrimonio de todos e todas as galegas. É por iso que levades nos miolos unha arma invencíbel, as verbas da terra nosa. Tan só é iso o que vos pedimos, un compromiso máis.

Se concordades coa nosa defensa da terra, podedes enviar a vosa mensaxe respostando a esta mesma (corrubedo@altermundo.org). As vosas verbas serán empregadas como arma pola Plataforma Medioambiental de Corrubedo, que as publicará en internet (www.altermundo.org) a partir da vindeira semana, e as remitirá puntualmente á prensa. Un miúdo esforzo por unha causa grande como o mar de Corrubedo!

CORRUBEDO, TERRA LIBERADA!


Máis información da desfeita futura: http://altermundo.org
Asina: Manoel Santos, da Plataforma Medioambiental de Corrubedo (Tel. 686021933)”

Nova en Galicia Hoxe
Nova na Voz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *