Declaración da Plataforma Medioambiental de Corrubedo

Segundo a Xunta o LIC do Complexo Húmido de Corrubedo (9.312 has.), que abrangue dende o Castro de Baroña (Porto do Son) até a Illa de Sálvora (Ribeira) será o primeiro espazo da rede Natura 2000 cun Plan de Ordenación de Recursos Naturais, que teoricamente se está xa a redactar, pois foi licitado en decembro de 2006. No entanto, a Consellería de Medio Ambiente aínda non sabe que superficie forma parte do LIC, pois vén de facer publica a súa intención de amplialo metendo todo o cabo Corrubedo e a punta Laxe Brava. Mentres para a Consellería de Medio Ambiente o LIC de Corrubedo será o exemplo a seguir en toda a Rede Natura, para a de Pesca é bo sitio para instalar 3 macropiscifactorías que farán –e nalgúns casos xa fan– vertidos altamente contaminantes nas augas do mar. Ou mal exemplo, ou mal sitio.

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo esixe un Plan de Ordenación e un de Uso e Xestión que permita aos veciños e veciñas convivir con tan senlleiro espazo protexido con plans de promoción económica sustentábeis, relacionados co medio ambiente, que redunden no benestar veciñal. Só deste xeito poderemos conservar o noso, facendo que a xente vexa na protección da natureza un recurso de futuro, e non unha simple declaración sen sentido.

Declaración completa:
declaracionplataformacorrubedo.doc

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *