Xornada informativa da Plataforma de Corrubedo

POR QUE REXEITAMOS A FÁBRICA DE PEIXES NO CORGO-LAXE BRAVA?
POR QUE REXEITAMOS O PLAN ACUÍCOLA?

DATA: Sábado 4 de agosto, ás 20:00 horas
LUGAR: CASA DO MAR, Porto de Corrubedo

INTERVIRÁN:
Manoel Santos, voceiro da Plataforma de Corrubedo (presentación)
X. Ignacio González, biólogo e guía intérprete
Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA

A Plataforma Medioambiental de Corrubedo organiza unha xornada informativa dirixida aos veciños e veciñas do cabo e a todos os amantes da natureza nosa, que terá como tema central a nosa oposición ao Plan Acuícola da Xunta e especialmente ao emprazamento dunha macrofábrica de peixes no Corgo-Laxe Brava, en Teira (Corrubedo).

O dito Plan da Consellería de Pesca pretende expropiar 308.000 metros cadrados dunha zona virxe, a rentes do LIC Complexo Húmido de Corrubedo (Natura 2000) e sorprendentemente se contrapón ao plan de ampliación da Rede Natura 2000 da Consellería de Medio Ambiente, demostrándose unha grave e absurda descoordinación no goberno.

Na xornada intervirá o biólogo, X. Ignacio González, experto na zona e que ten varios estudos científicos sobre os valores naturais de Corrubedo, moitos incluídos como hábitats prioritarios na Directiva Hábitat da Unión Europea e básicos para o mantemento da pesca artesanal como recurso. X. Ignacio falaranos da importancia natural do lugar e dos efectos negativos que suporía a instalación da macropiscifactoría dende o punto de vista dun experto en interpretación da paisaxe e a educación ambiental.

Asemade, o Secretario Executivo de ADEGA, Fins Eirexas, exporá a visión que a Asociación Ecoloxista ten do Plan Acuícola, a súa clara inxustiza social que supón, ao ceder a unha empresa o que os veciños e veciñas conservaron dende sempre, e a súa gravísima incompatibilidade co desenvolvemento sustentábel en Corrubedo por afectar a unha zona Natura 2000 e por verter milleiros de metros cúbicos de refugallos contaminantes a ela. Fins Eirexas tratará tamén de repostar ás preguntas dos veciños e veciñas no referente aos beneficios ambientais e sociais que podería ter a conservación da zona como espazo protexido no seu conxunto se na Xunta tomaran en serio as leis de conservación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *