Entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente

Entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente pola EDAR de Ribeira

O pasado venres, día 13 de xullo, unha delegación do Concello de Ribeira, formada polo Alcalde e as Voceiras e Voceiros dos distintos Grupos Municipais, entre as que eu me atopaba como Voceira do Grupo Municipal do BNG, reuniuse co Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o socialista Manuel Vázquez Fernández para tratar un único tema: a EDAR de Ribeira, que se pretende ubicar en Aguiño, máis concretamente en Pinisqueira, algo que está a ser moi contestado pola cidadanía desta parroquia; á xuntanza tamén acudiron o titular da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Joaquín Lucas Buergo del Río e o Director Xeral de Augas de Galiza, José Luís Romero Valeiras.

A reunión iniciouse con unha exposición por parte do Conselleiro das razóns que levaron á Consellería a construción de 21 EDARS en todo o país, entre as que se atopa a de Ribeira. Tamén relatou os antecedentes que motivaron á Consellería a ubicar a EDAR de Ribeira en Pinisqueira no anteproxecto que elaboraron. O Conselleiro manifestou que o proceso se iniciou por Augas de Galicia despois do envío, por parte do Concello de Ribeira, do acordo da Xunta de Goberno Local, de data 9 de febreiro de 2006, no que o Goberno do PP tomou a decisión de que a EDAR se situara en Pinisqueira. Este é un dato que descoñecíamos, xa que por un lado, o Alcalde nunca nos deu esta información, e por outro, hai que dicir que as actas da Xunta de Goberno levan máis dun ano de retraso, co cal aínda non puidemos ter acceso a elas. En todo caso, queda demostrado que o Goberno do PP de Ribeira mentía cando dicía que a decisión de ubicar esta depuradora en Pinisqueira fora un acordo de todos os grupos políticos.

A respecto do cambio de ubicación que agora se solicita, de Pinisqueira a carón de Conresa, en Couso, o Conselleiro pideulle ao Director Xeral de Augas de Galicia que fixera un informe para ver a súa viabilidade.

O Conselleiro, a petición miña, tamén fixo referencia as alegacións presentadas polo BNG, Adega e uns 700 veciños e veciñas de Aguiño, no que se solicitaba que o anteproxecto sexa sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental, así como unha depuradora específica para o Polígono de Xarás, que vai a representar preto do 50% da carga contaminante que a EDAR terá que depurar, e tamén estudar se en lugar dunha única depuradora pode ser ambiental e socialmente máis viable a construción de depuradoras máis pequenas.

A este respecto, o Conselleiro dixo que non contemplaban a diversificación, polo tanto, aínda que estudarían todas as alegacións presentadas, tampouco quería dar falsas esperanzas. A Consellería, según dixo, considera inviable economicamente a construción de pequenas depuradoras, polo tanto, eles apostan pola construción dunha única depuradora.

O Director Xeral de Augas de Galicia, pola súa banda, indicou que non era obrigatorio o estudo de impacto ambiental, a pesar de que si o contempla a normativa vixente. En todo caso, resulta difícil de entender que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, non someta o anteproxecto dunha macro depuradora destas características (80.000 habitantes equivalentes) ao trámite de avaliación ambiental, sobre todo tendo en conta o entorno privilexiado ambientalmente onde vai as ser ubicada: fronte ao único Parque Nacional galego, o das Illas Atlanticas, a carón dun Parque Natural e da Rede Natura 2000; sen esquencer a riqueza pesqueira e marisqueira deste entorno que da de comer a moitas familias.

Que nun horizonte de 25 anos se pretenda bombear ata alí un caudal correspondente as augas do Polígono de Xaras de 40.448 habitantes equivalentes, en vez de facer unha depuradora específica para o polígono, parécenos un auténtico despropósito e consideramos que é garantía de problema seguro.

Aínda que a Consellería di que non contemplan a construción dunha depuradora para o Polígono de Xarás, na práctica si lla vai a facer en Couso, xa que ten que facer unha depuradora o dobre de grande; a isto haberá que engadirlle os problemas que vai a traer o traslado desta carga contaminante ata alí e mesmo a súa depuración conxunta coas augas residuais urbanas. Para máis, a cidadanía no seu conxunto teremos que financiar os custos da depuración dunha contaminación procedente da actividade empresarial, en contra do principio de “quen contamina paga”, que hoxe está a guiar toda a política de responsabilidade ambiental.

Dende o BNG de Ribeira consideramos que despois de tantos anos demandando o saneamento integral do noso Concello, os e as ribeirenses no seu conxunto temos dereito ao mellor saneamento posible. Aínda que é de agradecer o esforzo económico que vai a facer a Consellería de Medio Ambiente (23 millóns de €), consideramos que o anteproxecto que presenta, proposto polo Goberno do PP de Ribeira, é francamente mellorábel. Agardamos, pois, que dende esta Consellería teñan a sensibilidade suficiente, e tomen en consideración as alegacións presentadas, tanto polo BNG de Ribeira como polos veciños e veciñas e por Adega.

Nova na Voz: Medio Ambiente descarta a construción dunha depuradora no polígono de Xarás

Veciños de Aguiño discrepan coa decisión de deixar Xarás sen depuradora

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *