Proporcionalidade municipal

Lonxe de polemizar, mais ben co ánimo de ofrecer unha visión diferente a aparecida nalgúns xornais, quixera facer algúns apuntamentos sobre o desenrolo do Pleno do Concello de Ribeira do pasado 11 de xullo.

Á espera do traballo que realicen as diferentes persoas asignadas ás diferentes áreas de goberno municipal para poderen ser obxecto de crítica, xa se pode anunciar que se “apuntan maneiras”. A decisión do grupo de goberno de manter invariable o número de representantes (2) do BNG nas comisións informativas é un intento de anular os resultados electorais (o BNG pasou de 4 a 6 concelleiros). O PP, que pasou de 13 a 11 concelleiros, tamén mantén o número de representantes (5).

O novo goberno impuxo esta medida pese a que o Regulamento Orgánico do Concello di claramente que “a composición destas comisións respectará en todo caso o principio de representación proporcional”. A peregrina xustificación do Alcalde de que as comisións de 11 membros “non serían operativas” (por que as de 11 non e as de 9 si?) parece insuficiente para incumprir a Lei de funcionamento das entidades locais da que deriva o noso Regulamento Municipal, pero máis chamativa é a explicación dada pola portavoz do PP no sentido de que “a proporcionalidade non ten que ser matemática”. É que existe outra proporcionalidade que non sexa a que é precisamente un dos conceptos matemáticos máis comunmente coñecidos? Que diga esto a que vai ser responsable da Facenda do Concello de Ribeira é preocupante. Que o Alcalde a ampare aínda o é máis. A non ser que sexa un invento interesado (o máis probable) para prexudicar ó BNG e entón sería so inxusto e ilegal, pero non preocupante. Xa estamos acostumados.

Xosé Luís Groveiro González
Concelleiro do BNG de Ribeira

Pleno na Voz

Pleno na Voz

Pleno na Voz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *