ADEGA ven de presentar alegacións á EDAR de Ribeira

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) ven de apresentar alegacións á EDAR de Ribeira por considerar o proxecto “insustentábel ambientalmente e inxusto socialmente.” Consideran que non poden admitir que “unha instalación dimensionada para 80.000 habitantes equivalentes, dos que 43.000 corresponden á poboación real e 40.000 ás augas industriais, se ubique ás portas dun Parque Nacional e en zona de ampliación da Rede Natura 2000.” Por outro lado, tamen indican que “persistir no erro de tratar os residuos industriais nunha instalación pública, vista a renuencia das industrias e a pasividade do concello, só vai provocar que os custos de depurar os efluentes industriais (alén dos da construción da EDAR) sexan asumidos pola cidadanía.”

Dende ADEGA propoñen as seguintes alternativas: “dotar ao polígono industrial dunha depuradora propia, custeada polas empresas que xeneran os vertidos. E no tocante á depuración dos núcleos urbanos, apostamos por un modelo descentralizado e con tecnoloxías brandas, de baixo impacto e gasto enerxético, en pequenas estacións de tratamento. Deste xeito evitaríanse os inmensos custos das infraestruturas auxiliares (ducias de bombeos, kilómetros de sumidoiros, alto risco de fugas…) que require unha soa macroinstalación, alén do seu elevado consumo enerxético.”

Nova na Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *