Presentadas preto de 1.000 alegacións á EDAR de Aguiño

Entrega alegacións á EDAR de AguiñoEntrega alegacións á EDAR de Aguiño
Entrega alegacións á EDAR de Aguiño

Hoxe un grupo de veciños e veciñas de Aguiño rexistraron preto de mil alegacións ao anteproxecto da EDAR de Ribeira que pretende instalarse en Aguiño, concretamente en Pinisqueira, lugar proposto inicialmente polo Goberno Municipal a espaldas dos veciños e veciñas e do resto dos Grupos Municipais, ou polo menos do BNG. A preocupación da cidadanía ante a nefasta xestión do Goberno Municipal neste tema é máis que evidente.

As alegacións foron presentadas diante do Organismo Autónomo Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Meio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, organismos dos que agardan máis sensibilidade da que tivo o Goberno do PP, xa que se trata dun entorno privilexiado, que conta, ademais, con unha gran riqueza pesqueira e marisqueira. Instalar aí unha depuradora para 80.000 habitantes equivalentes, que ocupará unha superficie de 25.000 metros cuadrados, entenden que require, cando menos, un estudo máis de vagar.

O texto das alegacións podería resumirse do seguinte xeito:

PRIMEIRA: solicitando que o presente anteproxecto sexa sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Dado que a EDAR que se pretende construír en Aguiño está proxectada para 80.000 habitantes-equivalentes, tería que ter habido unha resolución pública previa da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre se este anteproxecto ten que ser sometido ou non ao trámite de avaliación ambiental.

En calquera caso, atendendo aos principios e finalidade da lexislación de impacto ambiental, de “prever e evitar os impactos antes de que se produzan” e de que é fundamental favorecer a participación do público non parece procedente que un proxecto coma este poda ser levado a cabo sen antes dar a oportunidade á opinión pública de alegar sobre aspectos tan relevantes como:

-se en lugar dunha única depuradora pode ser ambiental e socialmente máis viable a construción de depuradoras máis pequenas, unha para cada lugar;

-cal dos trazados e ubicacións da planta de depuración de augas residuais é ambiental e socialmente máis viable;

-ou sobre se o polígono industrial de Xarás non debera ter unha depuradora propia e específica en lugar de estar conectado cáseque directamente aos colectores municipais.

SEGUNDA: solicitando unha depuradora específica para o polígono industrial de Xarás.

No anexo 5, estudo de demografía e caudais da Memoria deste anteproxecto, faise o cálculo dos caudais que se teñen que bombear e depurar na EDAR de Aguiño, partindo dos datos de poboación do 2005 proxectados a un horizonte de 25 anos. Polos datos aportados neste anexo 5, a EDAR ten que atender a unha poboación futura (ano 2030), expresada en habitantes-equivalentes (cunha demanda biolóxica de osíxeno a cinco días de 60 gr/día) de 83.631 habitantes-equivalentes, dos que 43.183 corresponden á poboación real e o resto (40.448 hab.eq) ás augas residuais industriais procedentes do polígono industrial de Xarás.

Non resulta racional que toda esta carga contaminante sexa incorporada ás augas residuais urbanas, pois, por unha parte trátase dunha carga contaminante moi específica que é máis doado de tratar illadamente, e por outra ven a engadir enormes custes e problemas aos bombeos ata a ubicación da EDAR e á mesma depuración. A incorporación desta elevada carga contaminante á rede municipal de augas residuais significa, a maiores, que, co sistema de tarifa proposto na memoria, a poboación de Ribeira no seu conxunto está a financiar os custes de depuración dunha contaminación procedente da actividade empresarial o cal está en contra do principio de “quen contamina paga”, que hoxe está a guiar toda a política de responsabilidade ambiental.

TERCEIRA: Solicitando ampliación do prazo de exposición pública.

O trazado dos colectores, a ubicación das estacións de bombeo e dos pozos de tormenta, a ubicación da estación depuradora, a delimitación e cálculo dos caudais de depuración, o cálculo dos custes de instalación e explotación, etc.-, constitúen argumentos contundentes como para xustificar a ampliación do prazo permitido na Lei 2/2000.

Atendendo a estes argumentos que quedan expostos, SOLICITAN:

-Que antes de calquera adxudicación do contrato de construción e explotación da EDAR se proceda a elaboración do correspondente Estudo de Impacto Ambiental e que, xunto co anteproxecto, se someta ao trámite de avaliación de Impacto Ambiental.

-Que, no dito Estudo de Impacto, se estuden, tal como esixe a lexislación de impacto ambiental vixente, as distintas alternativas posibles, e expresamente a de apostar por unha depuración especifica para o polígono industrial de Xarás e por depuradoras máis pequenas para cada núcleo de poboación.

-Que, no caso de non ser viables outras alternativas, a EDAR que está previsto instalar en Pinisqueira sexa trasladada a unha nova ubicación, o máis lonxe posible das vivendas co obxectivo de evitar posibles molestias á cidadanía.

Nova en Canal Rias Baixas
Nova na Voz:
Veciños de Aguiño preparan unha mobilización contra a depuradora
Os cidadáns afirman que os bancos de marisco corren perigo
Nova no Diario de Arousa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *