O Parque Empresarial da Barbanza no DOG

Localización Polígono da BarbanzaProposta de Ordenación Polígono da Barbanza

Licitación proxectos Parque Empresarial Barbanza

A CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO ABRE O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE OFERTAS PARA A REDACCIÓN DOS PROXECTOS SECTORIAL E DE URBANIZACIÓN DO PARQUE EMPRESARIAL DO BARBANZA POR 705.694 €

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, 20 de xuño, o prego de bases, o prazo de presentación de ofertas remata o 6 de agosto

 Este parque contará cunha superficie de 1 millón de metros cadrados, nos concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal, e o investimento total previsto é de 32 M. €

A Consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, abre o prazo de presentación de ofertas do concurso público para a redacción do Proxecto Sectorial e de Urbanización do Parque Empresarial do Barbanza, cunha superficie de 1 millón de metros cadrados, situado entre os Concellos de Ribeira e Pobra do Caramiñal. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o prego de bases do concurso. O prazo de presentación de ofertas e remata ás 14:00 horas do 6 de agosto. As propostas deberán presentarse nun rexistro oficial da Xunta ou poden ser enviadas por correo dentro do prazo establecido.

Ademais da redacción dos proxectos Sectorial e de Urbanización, o concurso público inclúe a redacción do Estudo de Impacto Ambiental, Prospección e Informe Arqueolóxico, Estudo de Seguridade e Saúde e o Plan de Calidade. A data límite de entrega de todos estes documentos é o 15 de decembro de 2007.

Da superficie total do parque, 541.520 metros cadrados estarán dedicados a uso empresarial e industrial, 311.824 serán espazos libres, 124.198 metros cadrados estarán ocupados pola rede viaria e 31.386 metros cadrados serán os destinados a equipamentos. O investimento total previsto nesta actuación é de 32.062.224 euros, dos que mais de 27 millóns se dedicarán á urbanización e 4,1 millóns se empregarán na adquisición de terreos.

A Consellería de Vivenda e Solo prevé que os traballos previos de planeamento así como a súa tramitación administrativa se desenvolvan ao longo deste ano 2007 e que as obras de urbanización poidan comezar no primeiro semestre de 2008.

O Parque Empresarial do Barbanza está situado nos municipios de Ribeira e Pobra do Caramiñal, que comparten unha economía relacionada co sector pesqueiro e cunha actividade industrial concentrada na conserva. A localización desta infraestrutura é produto dun estudio de viabilidade medioambiental, técnica e económica no que se analizaron 6.000.000 metros cadrados de terreo antes de optar pola área de actuación concreta que albergará o futuro parque.

Este parque incluirá naves modulares para os pequenos empresarios que queiran instalarse co obxectivo de dar resposta ás súas necesidades de solo produtivo a un prezo e nunhas condicións razoables. Estas naves terán un tamaño aproximado de 500 metros cadrados e serán adxudicadas en réxime de aluguer con opción de compra transcorridos 10 anos.

Ademais, o futuro Parque Empresarial do Barbanza contará cun edificio de usos múltiples para dar servizo aos empresarios que se instalen neste parque, tanto de Ribeira como de Pobra do Caramiñal. Este edificio, que contará con espazos comúns de novas tecnoloxías, estará situado nunha parcela de uso dotacional público e será adxudicado por concesión administrativa durante un prazo determinado de tempo.

O Parque Empresarial do Barbanza está incluído no Proxecto Galiza Suma, que supón a construción de parques empresariais estratéxicos e ben dimensionados, cunha alta calidade arquitectónica e tecnolóxica, con dotacións e servizos propios do século XXI.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *