A Consellería de Innovación e Industria traerá o gas a Ribeira

No BNG traballamos dende todos os ambitos para o desenvolvemento e a mellora da calidade de vida da cidadanía de Ribeira, da Barbanza e do País. Con esta actuación, poderá ter acceso ás vantaxes e á comodidade do gas natural.

Innovación e Industria e Gas Galicia destinan preto de 19 millóns de euros para subministrar gas natural a 25 novos municipios entre os que estarán os da Barbanza: Ribeira, Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.

A Consellaría de Innovación e Industria e Gas Galicia presentaron a IV Fase de Gasificación da comunidade.

O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, e o presidente de Gas Galicia, Antoni Peris, presentaron onte, día 6 de xuño, o convenio de colaboración asinado pola Consellaría e a empresa co fin de desenvolver a cuarta fase do plan de gasificación de Galiza. Este convenio de colaboración enmárcase nas bases da Estratexia Energos II da Consellaría de Innovación e Industria, que ten por obxectivo ampliar e mellorar as infraestruturas da rede gasista no noso país para garantir a subministración de gas natural naqueles concellos cuxo potencial de desenvolvemento se considera prioritario na actualidade.

Os investimentos necesarios, que ascenden a 18.794.000 euros, permitirán levar o subministro de gas natural aos municipios coruñeses da Pobra do Caramiñal, Ares, As Pontes de García Rodríguez, Bergondo, Boiro, Cerceda, Mugardos, Rianxo, Ribeira e Sada; así como aos termos pontevedreses da Guarda, Bueu, Miño, O Grove, Ponteareas, Salceda de Caselas, Salvaterra do Sanxenxo e Tomiño. Tamén está previsto levar o subministro aos principais núcleos de poboación da Mariña lucense como son Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove.

Na cuarta fase do plan de gasificación de Galicia, que se desenvolverá durante os próximos 4 anos, construiranse preto de 100 quilómetros de redes e ramais de distribución industrial e doméstico-comercial, que permitirán levar o gas natural a 25 novas localidades da comunidade, creando 39.947 puntos de conexión, así como a distribución de gas aos polígonos industriais de Penapurreira, nas Pontes, O Acevedo, en Cerceda, e O Pousadoiro, en Vilagarcía de Arousa.

A chegada do gas natural a estes 25 concellos é o resultado da colaboración entre o Goberno galego e a empresa distribuidora para o desenvolvemento e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía, que poderá ter acceso ás vantaxes e á comodidade do gas natural.

Máis información:
2007-06-06-gas-na-barbanza.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *