Xuntanza coa Asociación de Caza e coas CMVMC

Anxeles, Domi e Olga Xuntanza Asociación Caza e CMVMC

O mércores, día 2 de maio, reunímonos coa Asociación de Caza e coas comunidade de montes do concello. Estiven acompañada da Delegada Provincial da Consellería de Medio Rural, Olga María García Agra. Tamén estiveron Anxeles Glez. Crujeiras e de Francisco Ayaso integrantes da candidatura. Durante máis de tres horas escoitamos as principais demandas do sector referidas basicamente á xestión do monte e o medio rural. Á xuntanza asistiu unha ampla representación dos sectores implicados.

Contáronnos os múltiples problemas e lagoas que o colectivo ten. A Delegada deulles a coñecer unha parte importante da nova lei de incendios, informou da creación das Unidades de Xestión e da aposta polas madeiras de calidade que está a levar a cabo a Consellería de Medio Rural.

Déronse a coñecer as intervencións que está a desenvolver a Consellería do Medio Rural nos montes que alí se atopaban representados; Oleiros, Olveira, Carreira e Artes. As iniciativas que se están a levar a cabo co Convenio Hidrolóxico e co Convenio de actuacións de Emerxencia, entre outros.

Os cazadores expuxeron as súas problemáticas, facendo un grande fincapé nos estragos que están a causar as carreiras incontroladas nas pistas forestais. Solicitaron á Delegada que interceda dalgún xeito coa Consellería de Medio Ambiente para poder sacar o coello e o xabarín do Parque Dunar do que afirman “hainos espesos e rematan morrendo víctimas de pragas”.

Pola nosa banda, informámoslle que a política do BNG á fronte do Goberno Municipal vai dar un forte pulo ó desenvolvemento rural, o abandono que sufre o medio neste momento ten que ser freado dalgún xeito e, polo tanto, levaranse a cabo tarefas de concienciación e desenvolvemento económico que fagan do Rural unha fonte de ingresos, como a creación de empresas de productos ecolóxicos, diversificación nos productos e procesos dos nosos montes, denominación de orixe Parque Natural de Corrubedo, etc. É evidente que un monte rendible non arde, polo tanto, para eliminar a lacra dos incendios, temos que facer o noso monte rendible.

En acordo cos Gobernos competentes nas materiais, fomentaremos a participación dos cidadáns na xestión do seus propios recursos e o novo Concello vai ser fonte de negociación e participación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *