Coa directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira

Coa Asociación de Empresarios de Ribeira
Coa Asociación de Empresarios de Ribeira

Onte, 25 de abril, acompañada do Director Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Daniel Pino, e de varios integrantes da candidatura: Xosé Luís Groveiro, Ana Álvarez e Anxeles Glez., reunímonos coa directiva da Asociación de Empresarios de Ribeira.

Escoitamos as principais demandas do sector empresarial referidas principalmente á carencia de chan industrial que temos en Ribeira. Queixaronse da falla de información que o concello ofrece ás empresas e negocios á hora da apertura; apuntaron deficiencias na falla de aparcamentos, de iluminación nas vías públicas, de vixilancia nocturna, falta de sumidoiros en naves preto de Xarás, cheiros pestilentes na mesma zona ou a moi deficiente sinal de TV. Non faltaron os múltiples problemas urbanísticos que os empresarios consideran urxente solucionar.

Durante dúas horas falamos destas e doutras cuestións e das propostas que nos temos para darlle solución aos problemas plantexados. Así no tocante ó chan industrial adiantámoslle as últimas novidades. A previsión é que o expediente urbanístico esté aprobado no primeiro semestre do ano que vén e que en breve se abrirá un prazo de solicitude provisional de chan para as empresas interesadas. As solicitudes presentadas determinarán se o polígono se leva a cabo en unha ou dúas fases.

O polígono contará con naves modulares en réxime de aluguer, con opción de compra, construídas pola Consellería de Vivenda e Solo o que as fará moito máis asequibles aos pequenos empresarios e a mocidade emprendedora.

Aproveitamos para detallar algunhas das principais medidas a tomar tan pronto cheguemos ao goberno, basicamente serían:

Demandar melloras portuarias, reestructurar e potenciar a Axencia de Desenvolvemento Local para introducir elementos de información, asesoramento, orientación e dinamización da actividade empresarial, que aforrara esforzos e gastos, sen incorrer en competencias desleais. Implantar aparcamentos disuasorios nas entradas a Ribeira e un Plan de mellora do transporte público para facilitar a circulación e, polo tanto, a actividade comercial. Introducir melloras na peonalización aumentando as zonas verdes e as beirarrúas. Xestionar a construción dun novo Mercado Municipal, unha auténtica Estación de Autobuses e Matadoiro, así como un plan de implantación en Ribeira de banda ampla e de recepción de TV.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *