Reunión coas asociacións de armadores

Orpal, arrastreiros, cerco e cooperativa

Onte, día 20, reunímonos no local de Cooperativa de Armadores de Ribeira cos representantes das asociacións de armadores. Asistiron representantes da propia Cooperativa, do cerco, do arrastre e do palangre. Acompañáronme a esta xuntanza o noso deputado, Bieito Lobeira, e o número dous da candidatura do BNG de Ribeira, Xosé Luís Groveiro.

Durante máis de dúas horas, e nun ambiente cordial, transmitíronos a súa preocupación pola situación xeral do porto e do sector, facendo fincapé nunha serie de problemas relativos ás duplas taxas nos portos, calendario de traballo no cerco, topes de capturas e baixos prezos.

Pola miña parte, informeille da importancia que para nós ten a potenciación dos nosos sectores productivos en xeral, e do pesqueiro en particular por ser estratéxico para a economía de Ribeira.

Coincidimos en que as melloras no porto deberan estar recollidas nun “Plan director” que a administración xa debera ter presentado e consensuado con todo o sector e manifesteille o noso apoio á construción dunha nova lonxa acorde ás necesidades do primeiro porto de baixura do Estado e de Europa, á dotación de máis puntos de atraque e á necesidade do campo de redes cuberto e outros servizos portuarios.

Tamén se interesaron por outros temas, como o “Polígono Industrial da Barbanza”, do que lle detallamos as súas características así como o estado actual do proxecto, que segue o seu ritmo e estarán iniciadas as obras a primeiros de ano.

3 reflexións sobre “Reunión coas asociacións de armadores

  1. Juan Carlos

    ...o comentario de antes scapouseme incompleto, ¿que interés teñen os armadores no Bloque? ¿que interes ten o bloque nos armadores? Agora si.

    Responder
  2. Domi

    Agradezo a túa participación, Juan Carlos. Como xa comprobarías se estás facendo un seguimento do blog, estamos reuníndonos coas distintas asociacións e entidades sociais e económicas de Ribeira. As asociacións de armadores representan a un sector económico moi importante, polo tanto, o BNG que xa é unha forza de goberno na Xunta de Galiza e aspira á alcaldía de Ribeira, ten moito interese en reunirse tamén con eles, ao igual que con outras entidades e asociacións, para transmitirlle as nosas propostas e escoitar as súas demandas, xa que o noso obxectivo é gobernar para todo e todas.

    No programa de goberno que estamos elaborando, un dos seus eixes é a potenciación dos nosos sectores productivos, co obxectivo de crear emprego e riqueza. O mar é o motor económico do noso concello, polo tanto no programa do BNG non pode faltar un apartado destinado á pesca. Nese sentido, ademais de considerar necesario dotar ó peirao de Ribeira dunha nova lonxa, de puntos de atraque e das infraestructuras necesarias que se merece o primeiro porto de baixura do Estado e de Europa e o máis importante dependente da Xunta a moita distancia do resto, hai outras cuestións que tamén se recollen no noso proxecto.

    Así, por exemplo, a creación de redes de comercialización do noso peixe e marisco, a dotación de vixilancia ó recinto portuario, a eliminación dos verquidos directos ao mar ou o aumento das medidas de seguridade (colocación de aros salvavidas, etc.), son algunhas delas.

    Remato con unha cuestión moi importante para o BNG que é contar coa participación da cidadanía en todas as áreas de goberno; polo tanto, tamén en materia de pesca é necesario contar co consenso de todo o sector nas actuacións que se leven a cabo. Estes son algúns dos nosos compromisos máis importantes en materia de pesca, que a partir de maio o goberno do BNG poñerá en marcha.

    Responder

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *